CRÍTICA DE ROCK E OUTRAS LERIAS

Guns N'Roses: apetito polo rock

Corría o final dos 80.  As miñas radioescoitas eran a “Emisión Pirata” e “Disco Cross”, mensualmente devoraba a “Heavy Rock” e a “Metal Hammer”, gastaba os meus aforros en mercar discos no HMV de Grafton St de Dublin e no Virgin Megastore e no panorama metaleiro sonaba It’s so easy o primeiro single do primeiro Lp dunha banda que estaba chamada a converterse en lenda: Guns n’ Roses.

Appetite for Destruction, o primeiro disco da banda, foi todo un suceso chegando a vender 28 millóns de copias. Marcado pola polémica, a banda tivo que retirar a portada orixinal porque a MTV se negaba a programar os seus vídeos e substituíla pola coñecida da cruz e as caveiras dos membros da banda. Os problemas da banda coa heroína e o alcohol, foron quen de seguir creando ese halo de grupo maldito con cada nova que aparecía relacionada cos continuos altercados, que fixeron que se gañaran o alcume de “A banda máis perigosa do mundo”.  

 

Pero fóra de polémicas externas, a reacción no público que provocou a primeira emisión do videoclip de Welcome to the Jungle na MTV, foi mítica, converténdose na canción máis pedida da historia. A popularidade da banda subiu coma a pólvora, xirando con bandas como The Cult, Mötley Crüe  ou Iron Maiden e chegando a tocar do mítico festival Monsters of Rock de Donnington no ano 1988 onde dous mozos morreron durante a súa actuación. Conta Duff McKagan, baixista da banda, que aquilo foi para el o fin da inocencia e que aínda sente unha grande responsabilidade cando volve a Donnington. Malia isto, a banda estaba no seu mellor momento, conquistando os postos máis altos das listas con Welcome to the Jungle, Paradise City e Sweet Child O’ Mine, que convivían a un tempo no Billboard. 

 

Pode que o éxito lles viñera excesivamente rápido, ou que se pensaran que todo valía, se non non se pode explicar o seu segundo traballo G’n’R Lies, un disco frouxo, que incluía o primeiro EP que editaran no 86 xunto con 4 cancións máis  excesivamente acústicas. Moitos pensamos que ese sería o fin da banda. Tres anos despois, en 1991, con Use your Illusion I & II, a banda deu un novo golpe de autoridade na mesa e amosou que estaba nun período de madurez musical en que evoluía do son macarra do seu primeiro disco até deixar entrever influencias máis punks e roqueiras ao tempo que fai algunhas composicións máis longas e escuras. Despois disto, a banda fixo unha esgotadora xira mundial de máis de 2 anos, na que tiven oportunidade de os en directo no ano 93 no Vicente Calderón, xunto con Brian May e Suicidal Tendences. Concerto que foi bastante peor que o que deran en Barcelona pero que un era consciente de que sería seguramente a derradeira oportunidade de ver á banda en directo, así que as 4.000 pesetas da entrada estaban máis que amortizadas e ben empregadas

 

As relacións na banda estaban cada vez máis deterioradas e foi por iso que os seguinte álbum, The Spaghetti Incident? foi un disco de versión das bandas más influentes de cada un dos membros da banda. Considero que este foi o derradeiro disco da banda, xa que Chinese Democracy, disco que sacou Axl, co nome de Guns n’ Roses, dista moito do que era a banda.

 

As malas relacións de Axl con Slash facían pensar que nunca volveríamos ver unha reunión da banda, pero o ano pasado saltou a noticia que todos queríamos: volve reunirse a banda de novo, pero sen Izzy Stradlin nin Steve Adler, no seu lugar seguirían Fortus¸ o guitarrista que acompañaba Axl e que ten un grande parecido físco con Izzy e Frank Ferrer na batería. Se ben non é a reunificación completa, o que a realmente queríamos todos era volver a ver Slash e Axl xuntos, malia que a presenza de Duff  e Dizzy non son menores, aínda que poda parecelo. 

 

Guns n’ Roses comezaron a xira europea este 27 de maio cun espectacular concerto en Dublín, onde se reconciliaron co público irlandés e tal como viñan facendo dende hai case un ano que comezaron a xira en Detroit, a banda está perfectamente engraxada e non perdeu a forza que os caracterizaba. Nin que dicir ten que se nota que co tempo asentaron a cabeza e a profesionalidade que teñen é moito maior que a de antes. Aínda que a relación entre Slash e Axl é bastante fría, non inflúe no son da banda. O que non se pode dicir o mesmo é dos recintos, xa que en San Mamés a ser semicuberto o son non era todo o bo que debería, cousa que probablemente non ocorrerá esta sexta feira en Lisboa nin o domingo en Madrid. 

 

Sorprende, iso si, que no setlist do concerto inclúan 4 temas do Chinese Democracy: This is Love, Stranged, Chinese Democracy e Better. Do mesmo xeito que en Dublín por por primeira vez na xira tocaron Patiente, en Bilbo volveron sacar o repertorio, deixando G’n’R Lies sen representación no concerto. Por outra banda, renden unha emotiva homenaxe ao recentemente falecido Chris Cornell cunha versión de Black Hole Sun, que tocaron por primerira vez en Dublín. Presentes están clásicos como It’s so Easy, que empregaron para abrir os concertos, Civil War,  Welcome to the Jungle, Rocket Queen, Nightrain, November Rain entre outras, nin tampouco faltan Sweet Child O’ Mine coa tradicional introdución que Slash fai coa sintonía de The Godfather nin tampouco Paradise City, que empregan para pechar concerto. Un repertorio onde con 8 temas, o Apettite for Destruction é o álbum máis representado.

 

Fóra de hooliganismos que sempre existen con este tipo de bandas, o regreso de Guns n’ Roses mostra a unha banda pola que se pasou o tempo foi para mellorar e demostrar que os que un día foron grandes non deixan de selo tan facilmente. Axl está no seu mellor momento vocal e Slash  segue a ser ese mago das 6 cordas que sempre foi.  Se queren, e son capaces de convivir teñen moita vida por diante, aínda que me temo que isto non vai ser posíbel.

 

GUNS AND ROSES NAS REDES

WEB: http://www.gunsnroses.com/

FACEBOOK: http://www.facebook.com/gunsnroses

TWITTER: @gunsnroses