A CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

"A habitación", cinco anos de clausura nun cuarto

Un fotograma do filme.

O noso crítico de cabeceira debulla esta sexta feira A habitación. Grandes interpretacións e un trasfondo filosófico que dá para matinar: de que é metáfora?

A HABITACIÓN
Room
(Irlanda-Canadá 2015, 118 min.)
Dirección: Lenny Abrahamson
Guión: Emma Donoghue
Fotografía: Danny Cohen    
Música: Stephen Rennicks
Elenco: Brie Larson, Jacob Tremblay, Joan Allen, Sean Bridges, William H. Macy, Justin Maders, Tom McCamus, Cas Anvar, Zarrin Darnell-Martin, Amanda Brugel, Joe Pingue, Randal Edwards, Wendy Crewson

SINOPSE
Jack está a piques de festexar o seu quinto aniversario. A súa nai é a única convidada. Convive con ela nunha minúscula habitación desde que naceu e da que nunca saíu. Un mundo reducido a catro paredes, un armario, o que botan pola tele e todo o amor da súa nai. Unha felicidade perfecta que se interrompe cada noite coa visita dunha misteriosa figura que responde ao nome de “vello Nick”. 

CRÍTICA
Tras foguearse con varios filmes de corte independente, no que destaca a rareza titulada Frank no 2014 onde tiña a estrela Michael Fassbender (Macbeth) cuberto cunha máscara durante todo o filme(!), o director irlandés Lenny Abrahamson dá no cravo con A habitación, un filme aclamado por crítica e público, co que parece dar o salto de calidade definitivo. Narra unha estreita relación materno filial xurdida de circunstancias nada convencionais: nai e fillo sen saír dunha habitación durante cinco anos. Unha “pequena” parte da vida da nai, pero toda a vida do fillo. O mundo do cativo Jack redúcese a catro paredes. As únicas cousas que sabe do mundo exterior son os datos que lle chegan a través dun vello aparato de televisión, un ventanuco polo que pode ver un cacho de ceo, o que lle conta a súa protectora nai e algún obxecto do mundo exterior que trae de cando en vez o “vello Nick” xunto ás subministracións diarias. Mais o día da saída ao mundo exterior non se pode pospoñer moito máis así que a nai debe advertir a Jack de como é o mundo real. Mais se o teu mundo se reduce a catro paredes, como podes diferenciar a túa realidade aprendida dunha realidade allea que descoñeces? A historia transcorre basicamente a través dos puntos de vista de Jack e a súa nai. Dous puntos de vista antagónicos pero complementarios. Unha coñece “a realidade” e o outro só coñece “unha realidade”. O mito da caverna de Platón narrado en chave infantil...

Aparte de contar cunha coidada realización e montaxe sen artificios que transmiten a necesaria atmosfera opresivo-angustiosa, o filme descansa nas extraordinarias actuacións dos protagonistas. O rapaz Jacob Tremblay sorprende cunha abraiante interpretación, apoiada na intelixente batuta de Abrahamson, moi á altura da multipremiada Brie Larson (As vidas de Grace) que se sitúa como a cabeza visíbel do conxunto ao acadar o triplete na categoría de Mellor Actriz no feudo anglosaxón: BAFTA, Globo de Ouro e Óscar. Hat trick. Un discutíbel recoñecemento pero sen dúbida o mellor reclamo para o filme. Con todo, non debería ser o único reclamo pois A habitación é moito máis que unha sobresaínte interpretación; contén a suficiente emotividade e forza como para deixarnos cravados á butaca durante a metraxe e cavilando durante días tras o remate.