CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

High Rise: tamén nos rañaceos futuristas hai clases

Un fotograma do filme

HIGH-RISE

(Bélxica-Irlanda-Reino Unido 2015, 119 min.)

Dirección: Ben Wheatley

Guión: Amy Jump

Fotografía: Laurie Rose

Música: Clint Mansell

Elenco: Tom Hiddleston, Sienna Miller, Jeremy Irons, Luke Evans, James Purefoy, Elisabeth Moss, Sienna Guillory, Keeley Hawes, Peter Ferdinando, Stacy Martin, Sara Dee

 

SINOPSE

O doutor Robert Laing (Hiddleston) chega á Torre Elysium, un enorme rañaceos no que aparentemente se desenrola unha sociedade ideal. Mais cando coñece ao arquitecto comeza a sospeitar que non todo é tan ideal...

 

CRÍTICA

Nun futuro “que xa tivo lugar” existe un rañaceos autosuficiente onde prospera unha sociedade de veciños rexida por un sistema ideal onde todos son felices... Todos? Non. Os da planta de arriba son un pouquiño máis felices que os de abaixo. Adaptación da complexa novela homónima de J. G. Ballard, proxecto obsesivo do produtor Jeremy Thomas que por fin puido realizar tras levar aparcados décadas nun caixón por “ser imposíbel de filmar”. Non pasou o mesmo con outras obras de Ballard que xa figuran no imaxinario colectivo coma O imperio do sol (1987, Steven Spielberg) ou Crash (1996, David Cronenberg). High-Rise é un filme futurista pero mantén o espírito e a época do orixinal de J. G. Ballard canto a ambientación setenteira e arquitectura modernista/kitsch. Un complexo de vivendas que é unha personaxe máis da historia e por onde pululan uns veciños que viven nos pisos superiores (burguesía) e outros nos inferiores (clase media/proletariado). No cumio unha enorme azotea onde reside o arquitecto. Soa un pouco, non si? Correcto, é a primeira vez que se adapta esta novela de Ballard, mais non é a primeira vez que ten influencia no cinema: Elysium (2013, Neill Blomkamp), Matrix Reloaded (2003, irmáns Wachowski), Viron de dentro de... (1975, David Cronenberg) ou máis concretamente Snowpiercer (Bong Joon-ho), que vén sendo a mesma historia que High-Rise mais virada en horizontal (dentro dun tren). Dirixe con bastante solvencia o británico Ben Wheatley (Kill List, Turistas), sobre un guión da súa parella Amy Jump, a quen non lle treme o pulso en dar un punto Kubrick ao edificio e unha atmosfera Cronenberg a un conxunto impregnado por un particular sentido do humor (negro). A trama comeza co rañaceos en ruínas e co protagonista rememorando como se chegou a feitos tan insólitos mentres se come ao can. Por tanto o filme, igual que o libro, é un completo flash-back.

Tom Hiddleston (o mítico Loki da serie Thor) interpreta o doutor que se muda a este peculiar edificio coa idea de empezar unha nova vida. Pronto comeza a notar actitudes un tanto estrañas nunha veciñanza enfrontada entre si polos cortes de luz, residuos e frecuentes festas nocturnas. Unha sociedade distópica reducida a unha comunidade de veciños como escusa para facer unha profunda reflexión sobre a eterna loita de clases e a decadencia do capitalismo. Entre outras cousas, non é casual o parecido entre Luke Evans (O hobbit), que interpreta a un dos “rebeldes” da comunidade, con Che Guevara. E, por se non quedaba claro o paralelismo, a presenza dun póster ben grande nun dos cubículos da a pista definitiva. Filme político-filosófico ao que lle sobran uns 15 minutos de encerelle pre-clímax mais o compensa cun atractivo estilo visual nunha historia que atrapa e aporta un desenlace dos que fan sentir que non se malgastou tempo nin diñeiro.