A aceitación da morte na poesía de Leonard Cohen

"Hineni, hineni, I’m ready, my lord"

Leonard Cohen

A poesía como indagación practicouna Cohen desde os 15 anos até os seus últimos suspiros, aos 82. Antes de se apagar a súa voz esta sexta feira, escrebeu versos de aceitación do seu final: “Hineni, hineni/I’m ready, my lord”.

Esencialmente Leonard Cohen era un poeta. Accidentalmente un novelista, de suceso entre os críticos, non así entre as masas de leitores. Profisionalmente, músico e cantautor. A súa opción profisional veu marcada porque no mercado a venda dos seus libros non lle daba para vivir. Probou a cantar e triunfou. Non mudou o curso do Amazonas como Dylan e a paleta dos seus rexistros aparecía limitada. Tanto ten: a súa voz era única e a súa posta en escena apenas tiña rival. Había nel algo de actor de fasquía bogartiana e personalidade arrasadora, non sei vostés, mais se algunha vez quixen mercar un chapeu foi por este canadiano de voz grave, talvez aínda o faga. E nunca me perdoarei non o ter ido ver no seu concerto de Ourense en 2010. Maldita preguiza.

Como poeta, Cohen -canadiano do Quebec anglófono e de educación e familia xudea- escrebeu sobre a totalidade da existencia. Os grandes escritores mudan a vida ao representala. E nada, absolutamente nada da condición humana lle era alleo. O sexo. A cobiza. O desexo de dominación. E a morte. A fin de todo. A desaparición.

Como poeta, Cohen escrebeu sobre a totalidade da existencia. Os grandes escritores mudan a vida ao representala

Con 82 anos produciu o seu último traballo, de título premonitoriamente fúnebre, You Wanted It Darker. En Cohen non había angustia ante o final. Había aceitación. Contraditorio e un chisco rebuldeiro, enxeñoso no xogo de palabras, a emboscar os significados, a procurar o efeito surpresa no interlocutor, acostumaba dicer que non era home relixioso, mais pasaba longas temporadas recluído nun mosteiro zen nos arredores de Los Angeles. Quería non querer. Non desexar. Suspender o pensamento. Non ser esa celebridade mundial que é, que fastío. Era durante meses un monxe zen máis, ignoto, desindividualizado, unha pinga no océano, de nome Jikan (Silencioso). Sobre esa experiencia, unha cineasta francesa, Armelle Brusq, dirixiu un documentario, Leonard Cohen, portrait intime. 

En You Wanted it Darker Cohen deixou escrito este verso: “Hineni, Hineni ('aquí estou', en hebreo). I’m ready, my lord ('estou pronto, estou preparado, meu señor')". Dalgunha maneira el soubo achar luz na escuridade. A que el deixa e que se continuará a proxectar durante xeracións. Leonard, you were our man, rest in peace.