'Un señor elegante', o novo libro de Suso de Toro
O vindeiro día 12 de novembro chega ás librarías a última creación de Suso de Toro, Un señor elegante, editada por Xerais.
Após dous anos, o autor Suso de Toro tira do prelo unha nova novela, Un señor elegante, logo, ademais, dun intenso proceso de documentación a través da rede social Facebook.
Trátase dunha narrativa que "chega do século XIX e atravesa o século XX galego, español e europeo", explican desde Xerais. O autor realiza unha indagación para reconstruír a historia dunha familia que, en distintos momentos, protexe a Rosalía de Castro e Murguía e logo á familia Castelao ou a Dieste.
Un señor elegante é "unha historia local e ao mesmo tempo europea e, sobre todo, unha novela de investigación: a persecución dunha figura descoñecida que se vai manifestando até apoderarse de todo o libro".
Chegado ese punto, as lectoras e lectores "descobren un personaxe comprometido co seu tempo, coa xente e co país".
Alguén dunha enorme dimensión ética. A figura dese Baltar lémbranos, desde a penumbra, que ademais da aceptación da derrota e da pura supervivencia dos vencidos, tamén houbo resistencia e disidencia.
En palabras da editora, esta é "unha novela de non ficción que demostra que existiu outra Galiza vital, alegre e afirmativa".