Hai dez anos morría o músico e poeta compostelán de adopción Pádraig McGrane

Homenaxe ao irlandés errante

O músico e poeta irlandés e compostelán de adopción Pádraig McGrane. Foto: cedida.

A súa singular presenza era habitual das tabernas e pubs da zona vella de Compostela. Poucas foliadas ocorrían sen a participación do seu bouzuki, o seu banjo, a súa guitarra. Tamén lle daba á frauta de lata -tin whistle- e ao bodhran. O músico e poeta irlandés Pádraig McGrane morreu hai dez anos. Un monllo de amigas e amigos lembran a súa memoria este sábado e domingo.
 

A homenaxe, organizada por outro galego irlandés -o seu íntimo Patrick Naugton-, comeza o serán deste sábado no centro social A Gentalha do Pichel. O poeta e tradutor irlandés residente en Vigo Keith Payne ofrecerá unha pequena introdución á poética de McGrane e logo, canda o escritor galego Estevo Creus, lerán os seus e outros poemas. Rematará, non podía ser doutro xeito, cunha foliada.

 

Pádraig McGrane naceu no condado de Monaghan -berce, lembra Payne, dunha voz fundamental da literatura irlandesa do XX: Patrick Kavanagh- e cursou estudos no célebre Trinity College de Dublín. Despois emprendeu viaxes por Grecia e o Mediterráneo. Arribou a Catalunya, onde coñeceu unha muller galega. Foi nunha visita a esta persoa cando decidiu instalarse en Galiza.

 

“Era un gran lector de poesía europea”, sinala Payne, que non o coñeceu en vida, “e na súa poesía a música é moi importante. Polo que din os seus amigos, sempre estaba disposto a unha foliada”. Publicou un libro de poemas, reeditado e ampliado postumamente.

 

O encontro en memoria de McGrane, de título Dream Home -algo así como Casa Soñada-, concluirá o domingo 9 de setembro cunha sesión vermú no bar A Gramola a partir das 12 do mediodía. A ela achegarán o seus instrumentos os irlandeses Denis O'Toole, Aine e Patrick McGrane e galegos habituais das jam session folk do casco vello compostelán como Quim Farinha, Xacobe Varela, Xavi Agra, Gon d'Abim, Cano Cadaraso, Pampín ou Javier Blanco.

 

A entrada para Dream Home custa 5 euros.