CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

'Horns'

 

HORNS
(Canadá-Estados Unidos 2014, 120 min.)
Director: Alexandre Aja
Guión: Keith Bunin
Fotografía: Frederick Elmes
Música: Robin Coudert
Elenco: Daniel Radcliffe, Juno Temple, Max Minghella, Joe Anderson, David Morse, Kelli Garner, James Remar, Kathleen Quinlan, Heather Graham, Alex Zahara, Mitchell Kummen, Sabrina Carpenter, Dylan Schmid

SINOPSE
Ig Perrish (Daniel Radcliffe) é o único sospeitoso do brutal asasinato da súa moza Merrin (Juno Temple). Tras un ano do suceso Ig agarra unha borracheira de campionato. Á mañá seguinte dúas protuberancias aparecen na súa fronte así como un estraño poder satánico que tratará de usar para atrapar ao verdadeiro culpable.

CRÍTICA 
Horns supón a terceira tentativa post-HarryPotter de Daniel Radcliffe para librarse, dunha vez por todas, do estigma do famoso mago. Ben parece que desta volta por fin consegue o seu propósito. Para comezar un dos estigmas máis evidentes de Harry Potter viña sendo a característica marca/antollo do “raio” na fronte. Pois ben, en Horns sáenlle da fronte dous preciosos cornos tras unha noite de borracheira. 

Un papel feito a medida e toda unha demostración que este rapaz é capaz de facer bastantes máis cousas que lanzar conxuros cunha variña máxica

Xa está... Harry Potter borrado da face de Daniel Radcliffe. E non é broma. Un papel feito a medida e toda unha demostración que este rapaz é capaz de facer bastantes máis cousas que lanzar conxuros cunha variña máxica. En Horns hai sexo, romanticismo, moito humor negro, as oportunas doses de terror e unha pinga de gore, por certo, con cheiro a homenaxe a un grande do xénero, cando menos nos seus inicios, chamado Peter Jackson. Concretamente o Peter Jackson desatado e sen filtro de Mal Gusto, Os Feebles ou Braindead, xusto antes de facerse mundialmente famoso coa saga de O Señor dos Aneis. 

O filme comeza como unha historia de amor entre dous mozos: Ig Perrish e Merrin Williams. Un amor sólido de concisión romántica de tal calibre que xa podería ir tomando boa nota o relambido de Nicholas Sparks. Continúa con referencias máis que evidentes a ceo-inferno, como para ir poñendo en situación ao persoal e, case sen tempo para acomodarnos, xa coñecemos o terríbel suceso que leva ao protagonista a caer no alcoholismo e na autoexclusión social: Merrin foi asasinada e el ven sendo o principal sospeitoso. A cousa vai ao grao, prontiño e sen moitas voltas, que é o que mola.

Tras o momento Twilight Zone, no que lle aparecen o cornos e uns poderes satánicos, comeza unha pescuda por toda a vila para descubrir ao verdadeiro asasino. A través de flash-backs e unha investigación tipo cluedo, imos descubrindo, ao mesmo tempo que o protagonista, as diferentes pistas encamiñadas a dar co móbil do crime, o lugar do suceso, con que obxecto se produciu a morte e, por suposto, quen foi. E hai unha chea de sospeitosos... Aparte do xuvenil reparto formado por Juno Temple (Maléfica) como a moza cadáver, Kelli Garner (Thumbsucker) na pel da eterna camareira da vila, Max Minghella (Ágora) como mellor amigo de Ig, e Joe Anderson (Across the Universe) como o irmán drogadicto, tamén destaca a parte veterana encabezada por David Morse (12 monos) como pai da vítima, James Remar (The Quest) e Kathleen Quinlan (Os outeiros teñen ollos) como pais dos irmáns Perrish, ou Heather Graham (Rescacón en Las Vegas), que pon o punto pícaro como unha das testemuñas chave da historia. Calquera pode ser o asasino, ou asasina, claro... 

Pese a que o desenrolo da trama é algo irregular, con momentos memorables e outros menos bos, Horns é unha interesante e, sobre todo, divertida historia detectivesca de satanismo, vinganza, redención e romanticismo está dirixida polo francés Alexandre Aja, un director (Alta Tensión), guionista (Parking 2) e produtor (Maniac) cunha inusitada facilidade para captar e crear atmosferas inquietantes. A pesar de non roldar a trintena, estase a converter en toda unha realidade capaz de precipitar o xénero fantástico e de terror a novas e orixinais perspectivas sendo xa unha influencia para novas xeracións. Ademais está baseada na novela homónima de Joe Hill, fillo de Stephen King. A bo entendedor...