O Implícate consolídase como o festival solidario da cultura galega

Artistas de Implícate

Máis de dúas horas de Implícate ofreceron este domingo en Compostela un particular catálogo da cultura galega. Do riso de Isabel Risco á enerxía de Mercedes Peón  pasando por un feixe de propostas, a noite solidaria conseguiu unha revista vibrante da creación contemporánea. 

Con Mercedes Peón, María Reimóndez, Andrea Nunes e sete bailarinas, entre elas Ruth Balbís, -participantes do espectáculo El canto de los caballos de Lipi Hernández- chegaba a explosión de enerxía que ía poñer fin á décima edición de Implícate, o festival de cultura solidaria organizado pola ong Implicadas no desenvolvemento no Teatro Principal de Compostela. 

Pasaran máis de dúas horas desde o seu inicio, dúas horas trepidantes nas que un xeneroso catálogo da cultura galega ofreceu unha  revista de variedades con distintos rexistros mais con común entrega. A poeta Yolanda Castaño e a actriz Isabel Blanco conducían un espectáculo polo que foron pasando distintos números que transitaron do humor á reflexión, da música ao baile e da literatura ao teatro. Era unha edición especial e desde Implicadas querían botar a vista atrás para coller pulo e gabarse desa década de festival no que centos de figuras da nosa cultura puxeron a súa arte ao dispor dos proxectos da organización non gobernamental, do seu enfoque feminista e galego.

A poeta Yolanda Castaño, presentadora do Implícate, foi tamén a autora dun guión no que introduciu as claves da filosofía e os obxectivos do festival. De dez, repetía, unha das persoas máis “implicadas” na historia desta noite de cultura e solidariedade. Canda ela, polo escenario pasaron algúns dos nomes que apareceron en repetidas ocasións na historia do Implícate como Uxía, Fran Alonso, Marilar Aleixandre, Carlos Negro ou Celso Parada, colaborador tamén indispensábel no festival. 

Cita fixa anual

Nin unha butaca libre quedou no Teatro Principal de Compostela que se encheu para esta cita fixa xa no inicio do ano cultural. Na pantalla instalada no escen

ario chegaban ao público as intervencións doutras persoas vinculadas tamén co Implícate como Ana Romaní, María do Cebreiro ou Amelia García, off do festival que aparecía para esta especial ocasión tamén con imaxe. 

Risos a esgalla con Nabiza Girl que veu canda Isabel Risco, con María Lado e Lucía Aldao ou Iria Pinheiro, silencio absoluto diante do piano de Abe Rábade, espectación coa estrea de Nova Galega de Danza ou sorpresa polo recitado de Antón Reixa foron algúns dos efectos dun programa intenso que non deixou lugar ao repouso até rebentar no fin da man da montaxe de Mercedes Peón sobre un poema de Yolanda Castaño. 

En rede, repetíase unha e outra vez, coa votade de sumar esforzos implicando non só o mundo da cultura senón tamén o público que máis unha vez respondeu á chamada. E a implicación foi tamén premiada, cando a presidenta de Implicadas, Lucía López Bayo entregou o premio anual que, desta volta, foi repartido en tres, para recoñecer os tres eixos sobre os que se sustenta o Implícate. Por unha parte, o mundo da cultura, que foi representado por Uxía, comprometida participante do festival desde os seus inicios. A Asociación Cultural Cidade Vella subiu a recoller o premio en nome de todas as entidades e particulares que colaboran no desenvolvemento e produción do evento. E Carlos Parada como espectador, un de tantos e tantas que cada ano collen a súa entrada para implicarse no público que, como na noite de domingo, encheu até o galiñeiro o Teatro Principal de Compostela, poñendo tamén o seu grao de area en dous dos proxectos que Implicadas ten neste momentos na man, un contra o feminicidio e outro polo empoderamento das mulleres de Tamil Nadu.