RóMULO SANJURJO, ORGANIZADOR DA SEMANA BRAVú

"O importante é facer visíbel a creatividade deste país"

Programa da Semana Bravú.

O músico impulsa as xornadas que a partir desta segunda-feira comezan na Coruña e que incluirán palestras, audiovisual, un concerto ou a primeira homenaxe ao pintor Xaime Cabanas.

 

Como acordeonista de Os Diplomáticos de Monte Alto pero tamén como xestor cultural, Rómulo Sanjurjo está á fronte dos eventos que ao longo da semana que comeza terán lugar en A Coruña na denominada Semana Bravú, actos que pretenden poñer o ramo ao XX aniversario da creación daquel movemento musical que traspasou eses propios límites para influír tamén en territorios como o das artes, a literatura ou o audiovisual. A Semana Bravú comeza a segunda-feira cunha mostra de curtas en colaboración co Festival de Cans, seguirá cunha palestra sobre a palabra con Manuel Rivas, Mercedes Peón, Carlos Blanco e Fran Alonso; un debate sobre o futuro da industria cultural galega, unha panorámica sobre a historia do rock galego; a homenaxe a Cabanas a sexta-feira e un concerto o sábado. 

"Só por facerlle a primeira homenaxe a Cabanas xa paga a pena todo este esforzo"

-Unha Semana Bravú para rematar o Ano Bravú

-Tomando como referencia ao que dicía o mestre Reverendo pois un dos privilexios de ter unha ocupación inútil é poder facer vinte anos despois o que nos peta, onde nos peta e con quen nos peta. Temos moitos amigos, moitos compañeiros da ruta que se brindaron a facer un fin de festa na Coruña cunha semana chea de actos humildes pero feitos con toda a vehemencia. E aí estarán con nós pois xente referencial como Uxía, Carlos Blanco, Mercedes Peón, José Aldea e logo Xaime Cabanas, pintor que finou o ano pasado, que para nós era a grande referencia da bohemia coruñesa e ao que lle faremos o primeiro homenaxe tras o seu falecemento, grazas á colaboración da súa familia, e só por ese acto xa se xustifica o esforzo de facer unha semana como esta, que rematará cun concerto o 22 no que tocaremos Diplomáticos, Marisol Manfurada, Garotas de Ribeira, Papaqueixos, Josito Pereiro ou Pinto d'Herbón, ademais de todo aquel que queira subir ao escenario e teña algo que dicir. 

-Que queda do Bravú, pasadas dúas décadas?

-Para nós queda unha experiencia de vinte anos, que non está nada mal, pois quedan os amigos. Á marxe de calquera grande debate sobre se bravú si, bravú non, que está xa totalmente superado, posto que o bravú tampouco tiña grandes pretensións, por iso foille ben, pero as amizades que quedan son moitas e moi fondas, como o proba o feito de que absolutamente todo o mundo ao que chamamos para participar nestes actos desta Semana ou este Ano pois ofrecéronse felices para colaborar, o que é fundamental tamén en canto a que quen realmente era o Bravú pois eran eles, sen o seu talento non tería existido. 

-Polo programa do cartel queda claro que o Bravú non era só rock.

-Nós eramos só uns rapaces de Monte Alto que, como outros, pois colleron uns instrumentos e se puxeron a facer música, pero é certo que o tempo vaite relacionando, vas abrazando outras realidades e coincidindo con xente que non tiña a habilidade para tocar unha guitarra eléctrica pero si para o pincel, para escribir ou para, en realidade, facer cousas máis complicadas e seguramente máis interesantes que o noso. Todo iso forma parte do noso universo, un universo de amizade, que busca que sexa visíbel a creatividade deste país, que é moita.