A CRíTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

Interstellar

O planeta Terra está morrendo. Un grupo de astronautas embárcanse na misión máis importante das súas vidas e da humanidade: viaxar máis aló dos confíns da galaxia para descubrir se é posible atopar un lugar habitable para a raza humana.

 

Interstellar é un proxecto que levou uns 10 anos antes de facerse realidade. Proxecto inicialmente encargado a Steven Spielberg pero que, debido a problemas de produtoras, tivo que abandonar. Sorte que o guión andaba en mans de Jonathan Nolan que, sabedor das gañas que tiña o seu irmán Christopher por facer unha historia de ciencia ficción espacial, propúxoo para que cumprira o seu soño. E non só iso, senón que tamén firma un guión a catro mans co seu irmán Jonathan e produce o filme xunto a súa muller Emma Thomas.

A historia xira entorno ao fin da Terra. Pouco a pouco vaise facendo máis difícil vivir e alimentar á poboación. Os científicos auguran que en breve vai ser imposible a vida no planeta. A NASA, baseándose nos estudos sobre os buracos negros do profesor Brand (Michael Caine), planea unha misión espacial para localizar lugares habitables máis alá da galaxia. Un granxeiro chamado Cooper (Matthew McConaughey), outrora un dos mellores pilotos da NASA, é recrutado para encabezar a misión. Mais deixar á súa familia atrás non lle será nada doado... É certo que en Interstellar hai máis dunha homenaxe a 2001: Unha odisea do espazo (1967, Stanley Kubrick): elipse temporal ao comezo, robots superintelixentes cunha forma “sospeitosamente” parecida a un monolito, viaxes a través de buracos negros... pero Nolan non copia. Son meras alusións propias dun director que ten coma referente a Kubrick pero ten a virtude de que a maioría destas homenaxes pasen desapercibidas. Interstellar conta cun elenco estelar, valga la redundancia.

Protagonizada por Matthew McConaughey, que comeza a demostrar que o de Mud e Dallas Buyers Club non foi un mero espellismo, acompañado por unha recua de caras coñecidas entre as que destaca Anne Hathaway, Matt Damon, Casey Affleck ou a enésima participación nun filme de Nolan de Michael Caine. Repite tamén Hans Zimmer na banda sonora (con movementos que lembran a Orixe) porén non repite o seu habitual director de fotografía Wally Pfister, que durante a rodaxe estaba inmerso no seu primeiro filme coma director (Transcendence), así que puxo ás súas ordes a Hoyte van Hoytema, que xa demostrara o seu talento en Déixame entrar (2008, Tomas Alfredson) ou máis recentemente en Her (2013, Spike Jonze). Un excelente substituto de Pfister para plasmar o desmesurado maxín de Nolan. No filme hai toda unha inmersión teórica (e práctica) dos buracos negros e viaxes no espazo-tempo. Dune (1984, David Lynch), Contact (1997, Robert Zemeckis) ou Horizonte final (1997, Paul W.S. Anderson) xa deixaban claro que a distancia máis corta entre dous puntos non era a liña recta senón o mesmo punto. Christopher Nolan decántase por esta hipótese de pregar o espazo baseándose, ata o máis mínimo detalle, no traballo do físico teórico Kip Thorne (amigo e colega de Carl Sagan e Stephen Hawking), toda unha eminencia nas teorías arredor dos buracos negros, teorías gravitacionais e desenrolo empírico das teorías da relatividade de Einstein. Interstellar é realismo espacial levado ao seu máximo expoñente, e tamén puro cine ao servizo do entretemento. Personaxes ben definidas, unha trama redonda, bastante carga dramática e medidas doses de aventura, acción, comedia e ate un punto de terror que, iso si, é do tipo subxectivo próximo ao que lle pasa a George Bailey en Que belo é vivir!, cousa que pode ser máis arrepiante que malignos monstros do espazo exterior. Un dos blockbusters con máis calidade das últimas décadas. Probablemente tras Orixe, Nolan deu coa tecla do novo cinema de entretemento de calidade deluxe. De feito ben parece que Orixe foi un “campo de probas” para os excelentes efectos especiais que desprega en Intestellar e tamén para os diferentes espazos temporais que se solapan na relatividade das viaxes intergalácticas.

Coma director perfeccionista que é, Nolan trata que todo sexa o máis auténtico posible en todos os aspectos. Non só nas teorías físicas que formula e documenta, senón tamén nos obxectos, naves, lugares e, por suposto, efectos especiais. Tratou de usar a “pantalla verde” o menor número de veces posible dando preferencia aos efectos especiais tradicionais para que a reacción dos astronautas fora verídica e non imaxinaria sobre algo que non existe máis aló dun ordenador de post-produción. Pero esta obsesión perfeccionista de Nolan tamén o leva a intentar pechar todos os fíos, explicar todo o que pasa e non deixar ningún cabo solto. Excesivo para algúns, xenialidade para outros. Pode ser do pouco que se lle pode criticar, ademais de que corre o risco de plaxiarse a si mesmo en posteriores producións. Pero é innegable que Interstellar emociona, fai pensar e entretén coma se fora a primeira vez que fóramos ao cine. Se Kubrick levantara a cabeza, estaría moi orgulloso de Interstellar.

Dados:

Ano: 2014

Duración: 169 min.

Nacionalidade: estadounidense

Director: Christopher Nolan

Guión: Christopher Nolan e Jonathan Nolan

Fotografía: Hoyte van Hoytema

Música: Hans Zimmer

Elenco: Matthew McConaughey, Anne Hathaway, Jessica Chastain, Wes Bentley, John Lithgow, Casey Affleck, Topher Grace, Ellen Burstyn, David Gyasi, David Oyelowo, Michael Caine, Matt Damon, Bill Irwin, Josh Stewart