Isto é un escándalo, Pereira!
Pratos Combinados é desas cousas que endexamais volverá. Forma parte dun pasado irrecuperábel, como o edificio Castromil, ou o segundo inmediatamente anterior ao investido para ler estas liñas.
Mais a memoria de Miro Pereira, Antón Santos, Balbina, a señora Carme, Paspallás, Mónica, Tuto, Pedro Barreiro e os seus fillos, o padre Nicanor, o director do Banco Moderno Universal e tantos outros está por sempre implantada de xeito indelébel no neocórtex cerebral de toda unha xeración de galegas.
Semana tras semana, aos altos xerifaltes das canles españolas saíalles a burra capada coa Champions League, Aquí No Hay Quién Viva, Los Serrano e tantos outros produtos de éxito producidos por TVE, Antena 3 ou Telecinco, que perdían a guerra das audiencias nesta nación ante unha comedia de modesto orzamento sobre un señor con bigote que tiña un bar.
Desde Madrid eran incapaces de comprender a fenomenoloxía artellada arredor dunha produción audiovisual que deixou un monumental catálogo de retrousos que a día de hoxe seguen a repetirse a diario nas rúas e fogares galegos, unha terra na que as nais por enriba dos trinta e tantos ameazan as crianzas máis bulebules con merendar “un bocata de xamón de fotocopias”, o gracioso do
grupo pide o café especificando que o quere “sen mondas de pataca”, e o máis bocapodre, cando se cagha, faino “no mundo”.
Xeración ‘Pratos Combinados’
A pouco máis dun ano de facerse o 25 aniversario da primeira emisión dunha serie que debutou nas pantallas da Televisión de Galicia (TVG) o 1 de decembro de 1995, sae do prelo un fanzine tributo promovido por David Calviño (@kalvinger) e Rubén Rial (@ cankente), dous membros desa mocidade que creceu diante das pantallas da Galega e á que moitas alcuman como “Xeración Xabarín”, quizais facendo de menos a un produto con similar transcendencia na cultura pop como foi Pratos Combinados.
Nas páxinas da publicación, que se pode adquirir na rede a través de cankente.bigcartel. com a un prezo de cinco euros, 23 artistas coordinadas polos propios Rial e Calviño liberan a súa creatividade para plasmar a súa peculiar visión sobre as aventuras de Miro e compañía.
Un meta‑guión dun novo episodio elaborado polo creador da serie, Xosé Cermeño; Antón Santos transmutado en Mena Suvari en American Beauty da man de Sandra Lodi; un espazo de manualidades para elaborar o xenuíno e patentado bocadillo de xamón de fotocopias do Bar Suízo ou o acedo paralelismo trazado por Euler entre Miro Pereira e Homer Simpson son só unha escolma das historias que inclúe o fanzine nas súas 54 páxinas.
DAVID CALVIÑO AFIRMA QUE ‘PRATOS COMBINADOS’ É “UN FITO XERACIONAL PARA AS GALEGAS E OS GALEGOS DOS ANOS 80 E 90”
O obxectivo, ademais da homenaxe á serie, “tamén era reunir nun mesmo volume varios autores de aquí, da Galiza”, comenta Rial para Sermos Galiza. Para logralo puxéronse en contacto con numerosas artistas da ilustración, das que a maioría responderon afirmativamente á súa proposta, máis centrada en elaborar “unha demostración de amor” sobre a temática do fanzine que en tratar de outorgar “profesionalidade” á publicación”.
Fábrica de ‘memes’ antes do tempo dos ‘memes’ As orixes do volume parten da “nostalxia” dos seus responsábeis pola serie, como explica Calviño: “A palabra fanzine leva no seu propio
nome o do fenómeno fan, o que implica tratar temas que nos gustan, e Pratos Combinados é un referente da nosa infancia sobre o que sabiamos que se podía facer algo bo e de calidade”.
[Podes ler a reportaxe íntegra no número 370 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]