Crítica de cinema : 'Jason Bourne'

Máis unha da saga que protagoniza Matt Damon. 

JASON BOURNE
(EUA 2016, 123 min.)
Dirección: Paul Greengrass
Guión: Paul Greengrass, Christopher Rouse e Matt Damon
Fotografía: Barry Ackroyd
Música: David Buckley e John Powell
Elenco: Matt Damon, Alicia Vikander, Julia Stiles, Vincent Cassel, Tommy Lee Jones, Riz Ahmed, Ato Essandoh, Scott Shepherd, Bill Camp, Vinzenz Kiefer, Stephen Kunken, Kaya Yuzuki, Robert Stanton
    
SINOPSE
O pirateo duns arquivos da CIA poñen de novo en acción a un Jason Bourne que agora lembra todo. Unha ambiciosa axente de intelixencia será a encargada de deixalo fóra de xogo a non ser que poida recuperalo para a causa.

Bourne tíñao todo para arrasar na taquilla

CRÍTICA
“Nunca digas nunca xamais” semella ser o leitmotiv desta nova entrega do desmemoriado axente Bourne. O ultimato de Bourne (2007, Paul Greengrass) era tamén o ultimato de Matt Damon. Ao tempo que se pechaba a triloxía, Damon deixaba definitivamente a franquía ...con reservas: só se llo pedía, e máis dirixía, Paul Greengrass, Matt Damon volvería á palestra. Pasaron os anos. Xa que a condición non parecía materializar, os responsábeis sacaron da manga unha sorte de continuación dirixida por Tony Gilroy, un dos guionistas da triloxía, que interpretaba un enfurruñado Jeremy Renner (Ollo de Falcón na saga d’Os Vingadores) coma outro axente sacado do “programa Bourne”. Estaba xa no forno a continuación deste pseudo-Bourne cando, de súpeto, salta a sorpresa: confirmación de proxecto de Matt Damon encabezado por Paul Greengrass. Así que, ante tamaña superprodución á vista queda paralizado o proxecto con Renner un par de aniños... Damon, que non é parvo asegura, antes de nada, parte do previsíbel pastel formando parte da equipa de produción xunto ao propio director Paul Greengrass, Doug Liman (director da primeira parte de Bourne) e máis o mítico Frank Marshall, produtor de toda a saga así como das famosas sagas de Regreso ao futuro ou En busca do arca perdida. Iso chámase apostar sobre seguro... 

En papeis secundarios conta nada menos que con dous gañadores de Óscar por roles secundarios: a sueca Alicia Vikander (por A moza danesa) e o gran Tommy Lee Jones (por O fuxitivo)

E é que Jason Bourne tíñao todo para arrasar na taquilla. A cousa comeza en plan Rambo III (1988, Peter MacDonald) cun Jason Bourne que pasa o tempo dando, e recibindo, malleiras en pelexas clandestinas mentres se agocha do mundo. A renegada Nicky Parsons (Julia Stiles), en plan coronel Trautman, acode a el para tratar de recrutalo nunha perigosa misión... Sen máis preámbulos comeza unha dose acelerada de acción concentrada e sen respiro. En papeis secundarios conta nada menos que con dous gañadores de Óscar por roles secundarios: a sueca Alicia Vikander (por A moza danesa) facendo de encargada de levar a operación de caza a Bourne, e o gran Tommy Lee Jones (por O fuxitivo), no rol do director do servizo de intelixencia. 

Tamén conta co francés Vincent Cassel (Irreversíbel, Cisne Negro), coma alter-ego asasino de Bourne, e co británico Riz Ahmed (Centurión, Nightcrawler), un xenio informático que terá moito que ver nas intrigas gobernamentais. Sorprende a caña que se lle da aos servizos de intelixencia norteamericanos e, claro, tamén aos propios Estados Unidos, deixando ao país demasiado perto da definición do que se considera un Estado terrorista.

Greengrass sigue fiel ao seu estilo de cámara en modo párkinson xunto a unha voraz montaxe

Ten o seu mérito pois estamos falando dun blockbuster en toda regra así que a mensaxe pode calar en moita máis xente que filmes-denuncia coma Citizenfour (2014, Laura Poitras) ou que calquera filme de Oliver Stone ou documentario de Michael Moore. Atención á mensaxe subliminar entorno ao edificio Trump en Las Vegas... Concisamente xenial. Greengrass sigue fiel ao seu estilo de cámara en modo párkinson xunto a unha voraz montaxe, digna dunha clase maxistral, froito do editor Christopher Rouse (gañador dun Óscar por O ultimato de Bourne) que, tampouco é parvo, e quixo asegurarse a súa cota de beneficios converténdose en produtor executivo. Ao principio tanto movemento de cámara pode causar certo mareo ou desconcerto, máis logo todo cobra sentido porque xusto son esas sensacións as que quere transmitir. O respectábel remata verdadeiramente esgotado e co pulso acelerado tal se estivera dentro da acción. Sorte que a cousa remata co, xa clásico, “Extreme Ways” de Moby para relaxar un pouco tanta tensión...