Contracultura

Javier Rodríguez: "Trato de facer unha sorte de enlace entre a miña xeración e a das persoas que teñen 20 anos"

O poeta e profesor de secundaria, Javier Rodríguez (Foto: Javier Rodríguez).
Javier Rodríguez, profesor e poeta, foi recentemente recoñecido co Premio Victoriano Taibo -que convoca o Instituto de Estudos Miñoráns en colaboración co Concello de Gondomar e coa Editorial Galaxia-, pola súa obra Xeración (breve tratado de males inespecíficos), onde percorre con ironía a memoria dalgúns feitos pasados e actuais. 
 

Como xurdiu Xeración (breve tratado de males inespecíficos)? 

Este libro comezou como unha sorte de balance xeracional, mais sempre desde unha perspectiva tamén moi desmitificadora e irónica. Precisamente ese título que fai referencia aos males inespecíficos vén incidir un pouco no carácter satírico, a presenza constante da ironía que está ao longo de toda a obra. Por iso, tamén hai un pouco de desengano, da vontade de impugnar certos discursos ou lugares comúns da cultura do país e inclusive da propia experiencia sentimental de toda unha xeración.

É certo que o libro está moi circunscrito a unhas coordenadas concretas, posto que se centra moito en Santiago e no tempo da universidade, mais tamén trata de transcender un pouco todo isto. Francamente, recibir o Premio Victoriano Taibo foi totalmente inesperado. Eu era consciente de que era unha proposta poética un tanto arriscada e moi hermética, por iso tamén estou moi satisfeito. É un galardón que xa ten prestixio e que tamén está moi consolidado no panorama literario.

Eses males inespecíficos, son exclusivos dunha xeración ou están presentes noutras?

Tamén están presentes noutras. É máis, diría que o libro comeza falando un pouco da miña xeración, de cando nós tiñamos dezaoito ou vinte anos. Hai referencias a feitos históricos concretos, que practicamente xa son fitos, mais logo evoluciona cara a situación actual. É dicir, o libro en conxunto trata de facer unha sorte de enlace entre a miña xeración e a das persoas que agora teñen vinte anos, tratei de tender pontes entre ambas. Hai que pensar que eu nacín en 1983, entón a miña xeración fixo a maioría de idade practicamente co milenio.

Coincidimos co Prestige, cos movementos estudantís que había naquel momento e con todos eses procesos que vivimos a comezos deste século. O libro é un pouco reproducir ese clima, mais eu tamén incidiría en que todos eses feitos están revisados e vistos agora cunha perspectiva de certo desencanto. É dicir, hai un pouso de ironía que é importante para acceder ao libro, é unha chave que non pode ser descoidada en ningún caso e ten que ver coa propia percepción que se ten das cousas nunha determinada idade da vida.

Esa sería a idea, non tanto que os feitos en si teñan unha dimensión histórica maior ou menor, senón a propia vivencia persoal que se ten dun feito ou doutro nunha etapa da vida concreta. Evidentemente, a madurez vai dando outra visión, outra lectura das cousas e dos acontecementos. 

O xurado valorou precisamente o alto interese histórico e cultural da obra, mais tamén a presenza doutros aspectos actuais como a cultura da cancelación.

Quizais sexa un tema que tamén está no libro, mais de forma tanxencial e que está enmarcado dentro dunha ollada crítica á realidade actual.

Dentro desa ollada crítica, dentro dunha lectura ampla, falamos da cultura da cancelación, mais tamén doutros factores como as reivindicacións feministas, as redes sociais, a organización cultural... É dicir, este concepto está enmarcado nunha constelación de temas que teñen moito que ver coa realidade actual, é esta ponte que comentaba antes entre unha xeración e a outra, porque no tramo final do libro entran as cuestións de actualidade. 

Alén da publicación con Galaxia, tamén dirixirá un obradoiro de poesía.

Será a comezos de ano, mais aínda está nun estado moi embrionario e non podo concretar moito alén de que quero que teña un funcionamento o máis dinámico posíbel. Tampouco teño experiencia neste tipo de obradoiros polo que teño que investigar e traballar o fondo da cuestión. É un reto interesante e que me ilusiona levar a cabo.