MÁIS

Jazz máis setentrional

Xosé Miguélez and Jean-Michel Pilc Quartet durante a súa actuación no pasado Festival Jazz de Ría, en Cedeira. (Foto: Pixelín Photo)
A música atopa o seu fogar na Costa Ártabra.

O Festival Jazz de Ría comeza esta sexta feira a súa oitava edición, repleta de actuacións musicais, obradoiros e aulas abertas que poboarán diferentes puntos da Costa Ártabra até o vindeiro 20 de agosto. Jazz de Ría aposta por achegar a música jazz a diferentes concellos de Ferrolterra. Nesta edición, Narón, Neda, Cedeira e Valdoviño será os anfitrións de diferentes artistas do jazz galego e internacional. 

O festival posúe unha filosofía definida, levando a participación da vila e a recuperación da memoria por bandeira nesta xuntanza gratuíta e accesíbel a todos os públicos. Narón acollerá esta sexta feira o concerto de Marco Mezquina ás 21.30, así como diversas actuacións e actividades durante a xornada do sábado. Entre elas, un obradoiro para construír instrumentos a partir de refugallos ou aulas abertas de swing e palmas flamencas. Demo Rumundo ou Alba Careta Group, entre outros, achegarán a parte musical da xornada. Pola súa parte, Neda terá o domingo á cantautora Antía Muíño para somerxer a ribeira de San Nicolás no seu jazz e folk propio. 

Os parques de Cedeira tomarán o protagonismo no serán da vindeira segunda feira, coas actuacións do pianobar itinerante Le Barluthier e Cuarteto Federal, un grupo con artistas natais de Andalucía, Catalunya, Canarias e a Galiza. 

Valdoviño é a segunda vez que acolle o Jazz de Ría. Nesta edición, farao a derradeira xornada, o 20 de agosto. Ás 19 horas terá lugar un roteiro polos Balcóns do Altántico, comezando na praia de Pantín, unha das favoritas para os surfistas. Pola noite, a praia do Baleo dará abeiro ao último concerto, o da cantante coruñesa Leticia Rey.