Jazz e poesía para unha noite de Picaversos

Maria Costas

Jazz e poesía son os protagonistas da próxima sesión de Picaversos, o ciclo poético que coordinan as poetas Olalla Cociña e Branca Novoneyra en Compostela. A cantante e actriz María Costas, o contrabaixista Pablo Vidal e o poeta e crítico Juan Carlos Suñén participan no programa da noite. 

A terza feira, 28 de xaneiro, coma sempre no Modus Vivendi ás 21 horas, o ciclo de lecturas poéticas Picaversos ofrecerá unha nova sesión, desta volta, coa conxunción do jazz e a poesía como protagonistas, nun espazo especialmente propio para ese encontro. A cantante María Costas será unha das participantes na xornada. Actriz e cantante, traballou recentente no musical Galicia Caníbal e Da Vinci tiña razón e forma parte do grupo Eliela. Canda ela, o contrabaixista Pablo Vidal que prepara varios proxectos músico-literarios que se darán a coñecer neste 2014 e o crítico literario e poeta Juan Carlos Suñén, que reside no Bierzo, compoñen o elenco da sesión poético-musical. 

Picaversos é un ciclo de lecturas poéticas que organizan Olalla Cociña e Branca Novoneyra desde outubro de 2011. Sempre co mesmo espazo, o pub Modus Vivendi na Praza de Feixóo de Compostela, o programa abrangue poetas mais tamén persoas doutras disciplinas ou profesións que participan en noites temáticas arredor da poesía. Lecturas e música son os ingredientes básicos desta iniciativa que leva xa dous anos desenvolvéndose na capital galega.