Pilar Jeremías e José Martínez-Romero, premio Pedra do Destino por difundir a obra de Luís Seoane na Arxentina

José Martínez-Romero Gandos. (Foto: S. Amado)

A asociación Amigos dos Museos da Galiza deu a coñecer o Premio Pedra do Destino 2024 que nesta edición recoñece o traballo de difundir o patrimonio cultural galego na Arxentina.

O psicólogo José Martínez-Romero e a galeguista Pilar Jeremías Cela son os galardoados esta edición co premio Pedra do Destino que convoca a asociación Amigos dos Museos da Galiza. O recoñecemento deuse a coñecer este sábado durante un acto no espazo Portas Ártabras da cidade da Coruña.

Nel o especialista en literatura na emigración arxentina, Luis Pérez, e o museólogo, Felipe-Senén López, mostraron a súa preocupación polo legado cultural da emigración galega no Rio da Prata para, despois, anunciar que persoas levarían o premio.

Felipe-Senén López explica a Nós Diario que pensaron en Pilar Jeremías e José Martínez-Romero para o galardón “por ser superviventes daquela xeración de Castelao e Alonso Ríos” que tiveron “e teñen a misión importante de gardar o patrimonio cultural galego”.

Este museólogo lembra que na Arxentina “aínda hai obras do mellor da arte galega daqueles anos” cando durante o franquismo “madurou no exilio a cultura galega”. Pon como exemplo a obra de Luís Seoane, “un patrimonio que na actualidade, como se sabe, corre grandes riscos”.

Tamén salienta casos como o do cemiterio da Chacarita, en Bos Aires (Arxentina), onde “agora os panteóns cambian de dono por aluguer e os restos de persoas, algunhas moi recoñecidas”.

O premio consistirá na edición dun libro sobre a obra de Seoane en Bos Aires. Finalmente os asistentes recibiron como agasallo un libro sobre Asorei editado pola Academia Galega de Belas Artes.

Xeración de mozas e mozos galeguistas

“Este recoñecemento recae nas persoas de Pilar e na miña mais sintetizan nel o labor dunha xeración de mozas e mozos galegos que loitamos arreo pola defensa da democracia diante a ditadura franquista e polo mantemento e difusión da cultura galega entre os emigrantes no Río da Prata”, asegura Martínez-Romero, que agradece que pensaran neles para este premio.

Este psicólogo lembra que “Luís Seoane tamén foi un galego nado na emigración, aínda que moi arxentino coma todos nós”, un fenómeno cultural “de nós sentir galegos e tamén arxentinos, sen menosprezar unha ou outra cultura que non foi sempre ben comprendido”.

Martínez-Romero asegura que “poetas, artistas, políticos e investigadores escribiron moitísimo sobre esta situación”. Para ambos os dous foi “un privilexio contar coa amizade de Luís e Maruxa de Seoane, e todo o que acontecía ao seu arredor”.

Por ser “inesquecíbeis para nós”, considera que “temos a obriga de manter viva a súa memoria e instar ás institucións a cumprir cos seus desexos sobre a difusión da obra e pensamento”.