CRÍTICA DE ROCK E OUTRAS LERIAS

Kalean: "Bolboretas Afiadas"

Que unha banda leve 20 anos enriba dos escenarios, non é algo raro, pero que o fagan con tódolos seus membros orixinais e sendo fieis aos seus principios si que o é. 

Este é o caso de Kalean, unha veterana banda de Euskal Herria que ven de publicar o seu último traballo en formato EP de cinco cancións baixo o título de “Mariposas Afiladas”.

Que o sexto traballo de Kalean chegue en formato EP di moito dunha banda que sempre levo consigo a bandeira da honestidade e que como bos guerrilleiros que son, están calados na retagarda até que teñen algo que dicir e dan un salto á primeira liña e así, é como chega após de cinco anos da publicación do seu anterior traballo “Hazme Olvidar”, estas 5 bombas sonoras.

Abrindo o disco con “Aguanta” tema cuxa letra de desamor, da título ao disco. Un tema cañeiro na música e intimo nas verbas, onde esas bolboretas que debería sentirse no estómago rachan o peito. Seguindo cun contraste temático, sona en segundo lugar “Nadie”, tema que foi elixido pola banda como single, moi acaido para esta época, xa que fala de dese conformismo de sofá, a falla de coraxe das masas para o protesto e a reivindicación,  que viven cegas e como di a letra “Ninguén ve o que nos ven, se non isto non se entende”.

“Canallas” é o meu tema favorito do EP.  Musicalmente é un tema que engancha cun ritmo acelerado e unhas melodías nas estrofas que ben podían ser o propio retrousos por mor da súa cantabilidade. Cunha letra contundente, sen metáforas nin florituras, con adxectivos directos adicado aos gobernantes que está a roubar ao pobo de xeito tan directo con frases como “Temos a un inepto, a un imbécil, a un idiota e a un gilipollas” ou “Encherse os petos e patriotismo na linguaxe do cinismo”. Sen dúbida este tema di en alto eses pensamentos  de moitos que só están na boca de poucos. 

“Miedo”, é un medio tempo máis intimista. Baixando o pé do acelerador, desaparece un pouco a intensidade que viñamos arrastrando no disco para crear o ambiente precisos para falar dos medos vitais e dos temores do ser humano a que lle fagan dano unha e outra vez. E deste xeito chegamos a “Tanto dolor”, tema de peche do EP que definitivamente baixa o ritmo destas bolboretas afiadas para traernos unha power ballad, algo pouco habitual na banda, cunha letra na que fala da dor e de como continuar a vida tras as rupturas. 

Kalean é unha banda que non soe defraudar nin en estudo nin en directo e vólveno demostrar con este novo traballo. Pouco coñecida, pero sempre respectada, a banda  ten na súa traxectoria o seu mellor aval. Contamos velos pronto en directo por Galiza, namentres toca desfrutar destes 5 trallazos.

Listaxe de temas

  1. Aguanta 
  2. Nadie 
  3. Canallas 
  4. Miedo 
  5. Tanto Dolor 

Kalean na rede

Web: www.kalean.es

Facebook: https://www.facebook.com/pages/kalean/116555855054467

Twitter: @kaleanrock