CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

Kong: a Illa Caveira

Un aspecto de Kong

KONG: A ILLA CAVEIRA

Kong: Skull Island

(EUA 2017, 118 min.) 

Dirección: Jordan Vogt-Roberts

Guión: Max Borenstein, Derek Connolly e Dan Gilroy

Fotografía: Larry Fong

Música: Henry Jackman

Elenco: Tom Hiddleston, Brie Larson, Samuel L. Jackson, John C. Reilly, John Goodman, Corey Hawkins, John Ortiz, Tian Jing, Robert Taylor, Toby Kebbell, Terry Notary

SINOPSE

Unha expedición científico-militar chega á Illa Caveira, un lugar esquecido polo tempo cheo de criaturas xigantescas.

CRÍTICA

O King Kong de 1933, obra mestra dirixida por Ernest B. Schoedsack e Merian C Cooper, foi un fito na historia cinematográfica aínda insuperábel a pesar das “actualizacións” que se fixeron ao longo do tempo, tales como a inefábel, e sexual, de John Guillermin nos anos 70, ou a luxosa, e cándida, recente versión de Peter Jackson. En todo este tempo o macaco xigante tampouco foi quen de escapar dalgunha que outra licenza narrativa saída de mentes inquietas, tales como a versión naif de Ishiro Honda que a principios dos 60 fixo que loitara contra Godzilla, entre outras moitas historias con Kong de por medio que case mellor non amentar. Kong: a illa caveira descorre nesta liña de invención narrativa alternativa dando pistas, ao longo do filme, a un posíbel futuro enfrontamento co kaiju máis famoso da historia, algo que xa apuntabamos, ou máis ben desexabamos, na crítica de cinema de Shin Godzilla (ver semanario Sermos Galiza nº 239). Mais non adiantemos acontecementos aínda... Jordan Vogt-Roberts (The Kings of Summer) dirixe unha versión bastante libre de Kong que non agocha os seus referentes cinematográficos. De feito varios dos cartaces oficiais remítennos inmediatamente a Apocalypse Now (1979, Francis Ford Coppola), e non por casualidade... O filme está ambientado xusto despois da Guerra do Vietnam, hai helicópteros con solpor de fondo e o seu protagonista principal chámase James Conrad, en clara referencia a Joseph Conrad, autor da novela O corazón das tebras xerme do guión escrito por Coppola e John Milius. Unha viaxe ao corazón das tebras da Illa Caveira con deixes tamén a Depredador (1987, John McTiernan), A terra esquecida polo tempo (1975, Kevin Connor) ou Inferno no Pacífico (1968, John Boorman). Banda sonora setenteira, efectos especiais de última xeración (paga a pena o 3D), unha fartura de referencias frikis e unha estética de videoxogo de disparos en primeira persoa son outras das patas que sustentan esta sorte de reboot que ten toda a pinta de se converter nunha frutífera franquía.

A cousa vai dun escuadrón militar, baixo mando do coronel Packard (Samuel L. Jackson), que viaxa até a Illa Caveira na procura de combustibles fósiles segundo as previsións do visionario Bill Randa (John Goodman). Para documentar o asunto contan coa cámara de Mason Weaver (Brie Larson), unha experimentada fotógrafa de guerra, e para guiar a expedición, co intrépido capitán Conrad (Tom Hiddleston), un heroe de manual. Pero claro, cando aparece Kong todo ponse patas arriba... e que aparición! Abraiante. Do melloriño do filme. Unha aventura fantástica de corte pulp, con escintileos de creatividade e sen pretensión algunha máis que a de entreter. O proxecto estivo pensado nun primeiro momento para Guillermo del Toro (Hellboy, O labirinto do fauno), unha mágoa que así non fora, sen desmerecer un ápice a talentosa dirección de Vogt-Roberts, cando menos até onde lle deixaron os produtores, que curiosamente coincide coa primeira metade do filme. O tema é que os monstros que pululan pola illa teñen un estraño equilibrio entre o arrepío máis espantoso e o imaxinario ecoloxista bondadoso de Hayao Miyazaki (A princesa Mononoke, A viaxe de Chihiro) mais, seica por falla de orzamento, tempo ou decisión das altas esferas, teñen unha presenza menor do desexado e fáltalles algo que quizais un tipo coma Guillermo del Toro, experto en darlle entidade propia a todas as criaturas fantásticas que xorden do seu maxín, si lles tería aportado. Con todo Kong: a Illa Caveira logra dar un pouco máis do que se lle pide a un filme destas características. E o mellor de todo é que Kong vs. Godzilla Redux está cada vez máis perto...