ROCK

Kreator entrega un traballo cheo de obras mestras

Hei de confesar que agardaba con impaciencia chegada deste novo traballo os alemáns Kreator. Despois do abrandamento de bandas que foron grandes referentes do trash metal, precisaba unha descarga trasher ao máis alto nivel xa que, agás o disco de Testament, pouco material decente deste xénero nos deixou o 2016. Os adiantos que puiden escoitar deste novo traballo apuntaban polo bo camiño mais a experiencia me di que agarde a escoitar o disco antes de facerme ilusións. Sabedor de que estaríamos perante un inequívoco sinal do apocalipse se un dos “big 4 xermanos”, por chamalos de algún xeito, tamén deixaba de facer trash, púxenme orellas á escoita.

O deseño da portada é simplemente espectacular, case me atrevería a dicer que é o mellor que fixo Jan Meininghaus até o momento. Un traballo que mostra o triunfo dos escuros  poderes dos deuses da violencia, que amosa o que imos a atopar dentro do plástico. Se deixar de mirar a portada soaba xa Apocalypticon, o primeiro tema que en pouco máis de un minuto crea unha atmosfera bélica introdutoria que racha como un canón World War Now, un tema frenético sobre a Terceira Guerra Mundial no que a banda non dá tregua e mestura a rapidez dos riffs con eses toques de melodía poderosa que xa amosaran no seu anterior traballo. Satan is Real é un dos temas que xa adiantara a banda: a maxistralidade dos seus riffs, xunto coa liña melódica, fan desta unhas das mellores pezas trash da historia. Co nivel tan alto que leva o disco, chega Totalitarian Terror  e con grande estupefacción só podo dicir que levo escoitado tres temas, sen contar a introdución e a banda xa amosou tres obras mestras. Do mellor que fixo á banda nos seus trinta anos de historia.  

Gods of Violence  é o tema que dá título a disco e ademais auguro que será un tema obrigado nos directos da banda. Chamado a converterse nun novo himno do trash, razón tiña o vocalista e compositor da banda, Milles Petrozza, ao dicir que este tema resumía todo o que Kreator era. Army of Storms lembra nos seus riffs e solos aos Iron Maiden do Seventh Son of a Seventh Son coa rabia vogal propia de Kreator.  Hail to the Hordes é un himno de batalla mais preto do viking metal  que do trash, o que por outra parte era o que pedía a continuidade do disco.  Lion with the Eagle Wings volve de novo a amosar un claro recendo a Iron Maiden, con toques power metal e unha muralla trasher tralos solos. A cousa varía en Fallen Brother, tema que baixa o nivel compositivo e sorpresivo deste traballo. Un tema que non aporta nada novo e que soa decepcionante, cuns riffs excesivamente power para o que queren transmitir. Por sorte Side by Side retoma o que era tónica de alta calidade do disco. Un himno que nos retrotrae aos Kreator dos primeiros anos, acelerados cun retrouso sinxelo para cantar co puño en alto nos concertos e aínda que repetitivo, funciona bastante ben. Chegamos ao final con Death Becomes my Light, un tema longo, de máis de 7 minutos que comeza de xeito tranquilo coa voz sobre unha guitarra limpa arpexiada que, como era de esperar rompe a banda coa súa entrada sen miramentos, con riffs, melodías e harmonías máis propias do heavy  e que na súa recta final volve a traer a calma.

A experiencia e bo facer é un grado, por iso non é estrañar que Kreator sigan a ser un dos grandes nomes do trash e que nos agasallen este 2017 cun dos mellores discos do xénero en anos. Finalmente vai ser que non vai chegar o Apocalipse.

 

KREATOR NAS REDES

WEB: http://www.kreator-terrorzone.de/

FACEBOOK: https://www.facebook.com/KreatorOfficial

TWITTER: @Kreator

 

LISTAXE DE TEMAS

1. Apocalypticon
2. World War Now
3. Satan Is Real
4. Totalitarian Terror
5. Gods Of Violence
6. Army Of Storms
7. Hail To The Hordes
8. Lion With Eagle Wings
9. Fallen Brother
10. Side By Side
11. Death Becomes My Light