CRÍTICA DE ROCK E OUTRAS LERIAS

Krokus: Big Rocks

“Sen recheos, sen baladas, sen merdas”, así reza o cuño na portada do novo disco dos suízos Krokus, unha banda cunha dilatada traxectoria e máis que acreditada solvencia que neste 2017 decidiu render tributo ás bandas que máis os influenciaron ao longo da súa traxectoria, incluídos eles mesmo.

Pode que haxa quen pense que un disco así pode deberse única e exclusivamente a criterios comerciais, mais do mesmo xeito que fixeran os Rolling Stones no seu último traballo, na primeira escoita xa se nota que a banda está a divertirse tocando estes temas como se fosen propias e, certamente, Krokus non precisa nada que demostrar a estas alturas, nin tampouco ten a necesidade de sacar un disco con fins puramente comerciais.

O tema que abre o disco non é outro que unha versión instrumental de N.I.B. de Black Sabbath. Persoalmente, paréceme unha boa elección facela de xeito instrumental, xa que a voz de Ozzy é insuperábel.  O segundo tema lévanos á época máis glam rock de Queen, con Tie Your Mother Down. Un tema moi do propio estilo dos suízos que non deixa dúbida de que os de Freddy Mercury foron unha grande influencia no seu estilo. A homenaxe a The Who fai a súa aparición con My Generation, quizás o tema sexa demasiado obvio para render tributo a quen fora abandeirado do movemento mod.

Wild Thing,  o emblemático tema de The Troggs, quedou sen forza, como se a banda tivese medo de actualizar e endurecer un tema que realmente se presta a iso. O resultado é que soa excesivamente antigo para este disco. Pasoulles o mesmo coa versión do Summertime Blues de Eddie Cochran, da que The Who ou Stray Cats fixeran hai tempo versións moi superiores. Unha das xoias do disco é The House of The Rising Sun na que renden homenaxe a The Animals. Krokus son quen de mesturar todo o seu solo deixando intacto o espírito folk rock deste clásico. E tratándose de Krokus, non podía faltar Neil Young de quen elixiron Rockin’ in the Free World para facer a que, xunto coa dos Leningrad Cowboys, é para min unha das mellores versións desta canción.

Chega o momento do Rhythm & Blues cunha moi fresca revisión de Gimme Some Lovin´  de The Spencer Travis Group.  Xunto con The House of The Rising Sun,  do mellor do disco. Whole Lotta Love  foi o tema escollido para homenaxear a Led Zeppelin. Unha versión bastante frouxa que non aporta moito e da que tendo a orixinal, non paga a pena escoitar. O até a saciedade versionado Born To Be Wild, de Steppenwolf, tamén fai a súa aparición en versión máis lixeira e neste momento confeso que mirei de novo o track list¸ por medo a que tamén me agardara unha versión de Stand By Me, que por sorte non aparece.

E como no rock tamén hai sitio para os Premios Nobel, os suízos decidiron facer unha versión do Quinn The Skimo  de Bob Dylan que aporta ese aire festivo lle faltaba ao disco e que incita no seu retrouso a que a xente cante en directo batendo as palmas. Nada que ver con Jumpin’ Jack Flash dos Stones, que a banda leva ao seu terreo e é quen de facelo propio alonxándose de facer unha copia, cousa que non é nada sinxela tratándose dun tema tan introducido na memoria colectiva. Para pechar o disco elixiron a banda que máis influenciou a Krokus, que non foi outra que os propios Krokus. Elixiron para a ocasión regrabar o seu mítico Back Seat Rock ‘n Roll no que o espírito destes roqueiros helvéticos queda totalmente patente.

Un disco bo en liñas xerais,  que sen ser un dos mellores traballos da banda, consegue non converterse nun compendio de nostalxia. Traballo que serve tamén para dar a coñecer ás novas xeracións cales son as raíces desta nosa paixón a que chamamos rock and roll. 

VIDEO: KROKUS – ROCKIN’ IN THE FREE WORLD https://youtu.be/6sdYzVzWJHc

KROKUS NAS REDES

WEB: www.krokusonline.com

FACEBOOK: https://www.facebook.com/KROKUSonline

LISTAXE DE TEMAS

1.-N.I.B.

2.-Tie Your Mother Down

3.-My Generation

4.-Wild Thing

5.-The House of the Rising Sun

6.-Rockin’ in the Free World

7.-Gimme Some Lovin’

8.-Whole Lotta Love

9.-Summertime Blues

10.-Born to be Wild

11.-Quinn the Eskimo

12.-Jumpin’ Jack Flash

13.-Backseat Rock’n’Roll