MÁIS

A Lama a través da boca

O estabelecemento ofrece tanto menús como cociña de autor no seu espazo exterior. (Foto: Nós Diario)

A Puza da Ran mestura gastronomía e música.

 

Na Lama (comarca de Pontevedra) o ano da pandemia supuxo un antes e despois. No verán do ano 2020 abría as súas portas A Puza da Ran, taberna singular de interese na zona. Naceu como unha idea desas que sobrevoan a mente por moito tempo pero que, debido aos traballos das persoas propietarias, ía adiándose. 

María Louro, explica en declaracións a Nós Diario, que, mentres “todo o mundo fechaba", eles estaban abrindo aproveitando un predio ao aire libre. A identidade da taberna da Puza é unha mestura de orgullo e amor polo local e polo rural. Así moitos dos seus pratos están elaborados con carne do Suído, como é o caso das súas hamburguesas. Neste senso, o seu menú afástase da taberna tradicional, que non "queda nas cachelas" senón que expanden a cociña de autor e pratos como as empanadillas. 

A Puza esfórzase por pór en valor A Lama, actuando de catalizador turístico

Ademais, busca ser un estabelecemento que dinamice a contorna da Lama e sexa "catalizador de turismo" nunha “zona pouco promovida". Por este motivo, desde a Puza da Ran e mediante o boca a boca recomendan á clientela “onde poden bañarse”, cales son os lugares de interese ou que rutas existen polo lugar. Como sinala María Louro, A Lama “non está tan lonxe de Pontevedra” pero o escaso impulso turístico fai que a xente non se anime a coñecer este espazo próximo á fermosa serra do Suído, polo que os negocios e as persoas que os rexentan son claves para animar as visita.

Malia isto, hai moita clientela local, sobre todo porque A Lama é un punto de retorno de emigración galega durante o verán -de países como Brasil-, até o punto de que o concello quintuplica a poboación. Os resultados, di Louro, foron positivos para A Puza, alentando a creatividade de novos estabelecementos ao seu redor con acento no local e de proximidade. Tamén, a súa programación é abundante, con música cada semana e apostando cada vez máis por abrir o seu catálogo aos eventos.

Ocio de interior

A Puza é un “espazo alternativo á zona das Rías Baixas”, no que predomina o turismo de litoral. Son moitas as persoas de Cangas, Sanxenxo ou Marín que abandonan os seus domicilios ante a saturación estival e optan por un “ocio de interior” moito menos masificado como o ofrecido na Lama, que goza de moitos "recursos turísticos". En concreto, na zona da Puza hai desde conxuntos rochosos como o da Porta do Alén -no Monte Seixo- a praias fluviais e fervenzas como a de Fírveda. Mesmo construcións como os foxos dos lobos de Pigarzos, na parroquia de Xesta.

Un traballo de verán 

O equipo da Puza, encabezado por María Louro e Min Sobral, fórmano habitantes da Lama, xa sexan estudantes como persoas que buscan traballo. Todas e todos son acollidos para desenvolver o labor man a man cos propietarios e formar parte desta experiencia.

Concertos e Festi-Ran 

Un dos puntos máis atractivos da taberna é a mostra de talento musical da contorna con actuacións nas sextas feiras e sábados. Ademais, organizan cada 14 de setembro o seu propio festival, con música continuada de 12 a 00 horas e menú propio, tamén con oferta vegana.