CRÍTICA DE ROCK E OUTRAS LERIAS

Lamb of god: the duke

Os estadounidenses Lamb of God veñen de publicar The Duke, un EP adicado  a Wayne Alan Ford un grande seguidor da banda que perdeu a súa loita contra a leucemia e que acabou sendo gran amigo do vocalista. Neste novo traballo a banda inclúe 2 temas novos e 3 gravados en directo en distintos concertos que amosan a banda coa forza que realmente ten. 

The Duke é o tema de apertura do EP e o propiamente adicado a Ford. Neste tema encontramos como o propio estilo groove da banda convértese nun medio tempo algo máis melódico, sen por iso abandonar parte da carga salvaxe que sempre levaron, aínda que a voz limpa de Randy sorprende gratamente. As harmonías do retrouso poden lembrar por momentos a Ghost,  pero cun toque moito máis áspero. Obviamente, este tema, aínda que grata, é unha excepción dentro do estilo da banda

The Culling  é  segundo tema deste traballo ademais de  ser o segundo tema inédito, amosan Lamb of God dentro de toda a forza e brutalidade que ten o seu groove metal.  As voces crebadas e os riffs machacóns acompañados duns coros de ultratumba convértena nunha digna homenaxe á película de terror homónima de Rustam Branaman na que está inspirada. Un tema co que deixan claro que seguen saben como facer que os seus fans non deixen de moverse coas súas frenéticas composicións.

Still Echoes é o primeiro dos cortes en directo, sacado da edición do 2015 do mítico festival Rock Am Ring no que demostran como esta banda, se en estudo xa é impresiónante, en directo é ainda mais potente. O mesmo podemos atopar dos dous seguintes cortes,  512  e Engage The Fear Machine, ambos os dous gravados no concerto que deron do Festival Bonnaroo  de Machester. Se ben a estas alturas non teñen nada que demostrar cos seus directos, plasman nestes tres temas, cuxa versión en estudio atópase no VII: Sturm Und Drang que editaron o ano pasado, que son unha banda que o mesmo que fai nas gravacións poden transmitilo no escenario.

Lamb of God con este traballo non só conseguen render un grande homenaxe a Ford, senón que nos sacian a fame de novos e bos temas até que editen o novo longa duración, e agardemos que este The Duke, sexa unha boa escusa para traelos de xira polo estado e poder desfrutar deles de novo en directo. Así mesmo, a banda encetou unha campaña de recollida de fondos para a loita contra a leucemia a través deste sitio.

 

LAMB OF GOD NAS REDES

WEB: http://lamb-of-god.com/

FACEBOOK: https://www.facebook.com/lambofgod

TWITTER: @lambofgod

A HISTORIA DE THE DUKE: http://lamb-of-god.com/TheDuke

LISTAXE DE TEMAS

1. The Duke

2. Culling
3. Still Echoes (Live from Rock am Ring)
4. 512 (Live from Bonnaroo)
5. Engage The Fear Machine (Live from Bonnaroo)