Contracultura

Laura Porto: "Hilda Hilst tiña a capacidade de ollar a retícula invisíbel sobre a que se configura o mundo"

Laura Porto foi a encargada da dramaturxia en 'Hilda Hilst. Afundando os dedos na matéria do mundo' (Foto: Nós Diario).
Laura Porto é a dramaturga responsábel de Hilda Hilst. Afundando os dedos na matéria do mundo, unha obra na que buscou dar a coñecer a propia Hist ao tempo que xoga coas expectativas do público.  

—De onde naceu a idea para esta obra?
Foi froito do azar. É un espectáculo que está feito a partir da obra e a figura da autora brasileira Hilda Hilst. Eu xa a coñecía de hai varios anos porque cando unha é artista ou escritora e ademais se considera feminista sempre chega un momento na carreira profesional en que se decata de que ten poucos referentes feministas. Hai xa varios anos decidín facer unha procura consciente e case desesperada pola que penso que case todas pasamos para atopar fontes femininas nas que recoñecernos.

Neste percorrido atopei Hilda Hilst e apaixonoume, mais sempre se mantivo aí como algo persoal. Este verán no marco do Galicia Escena Pro presentouse un espectáculo que eu escribira, A nai, e entre o público estaba o director desta obra sobre Hilda, Flávio Hamilton. Non o coñecía nin sabía nada del, mais gustoulle moito o meu traballo e acabou por contactar comigo.

Ao ver que eu coñecía Hilda Hilst, a pesar de ser unha autora descoñecida en Europa, pensou que eu podía facer este traballo e decidiu contratarme. Gústame moito unha frase que escoitei a Olga Novo, que é que o azar é a forza máis poderosa que existe no universo se o deixas facer o seu traballo. E creo que encaixa moi ben con isto.

—Sendo, como di, unha autora descoñecida, que lle chamou a atención de Hilst para afondar na súa obra?

É unha muller que moita xente di que escribe como un home. Sempre hai un debate moi grande arredor dela sobre se era unha feminista radical ou unha machista recalcitrante, que non deixa de ser curioso, cando menos. É moi fácil ler mal a súa obra. Persoalmente, o punto no que eu conecto con ela é a través do discurso que ten da idea de Deus, por exemplo. Tamén por un traballo moi interesante que ten arredor dos vínculos primarios -pai, nai e demais-.

Si que é certo que os personaxes femininos saen malparados nas súas obras narrativas, mais creo que moitas veces acontece, e cada vez máis, que cremos que representar unha cousa na ficción implica defender iso. Temos que representar certas cuestións porque son reais, existen. Tamén é a nosa obriga utilizar a literatura para representar cousas que existen no mundo e que son completamente aberrantes. Ela era quen de asumir ese compromiso e para min sempre foi moi potente.

No momento en que ao seu ciclo obsceno se lle chama literatura pornográfica creo que xa é evidente que hai un problema. Se alguén atopa pornográfico O caderno rosa de Lori Lamby, probabelmente debería buscar axuda. Tamén creo que Hilda é incomprendida porque os seus textos amosan unha cantidade de verdade moi superior ao que o ser humano medio pode aceptar sen pór en perigo a súa integridade. Faino de maneira crúa e mesmo cruel, e aínda así era quen de atopar o sentido do humor niso.

E, por suposto, creo que ela non é comprendida como autora porque tampouco o foi como persoa. Tiña esta capacidade de clarividencia porque era unha persoa que vibraba noutras frecuencias, por así dicilo. Gústame pensar que ela tiña a capacidade de ollar a retícula invisíbel sobre a que se configura o mundo. Por iso a súa literatura, ás veces, é difícil de seguir.

—Tamén entra en xogo a ollada externa que se pon sobre a obra.
Hai moito diso. Na construción da dramaturxia do espectáculo, ademais de tratar de replicar a obra de Hilda e crear un non lugar onde os seus personaxes poidan interactuar entre eles, intentei xogar moito coas expectativas do público.

Presentar, por exemplo, escenas e personaxes moi obscenos, mais logo relacionalos con elementos que poden ser considerados máis existenciais ou profundos. O que eu intentei en todo momento foi levar o público a un lugar e cando comeza a entender onde está, sacalo de aí e levalo a outro completamente diferente. Foi unha experiencia divertida.