Laura Suárez e Sandra Lodi gañan o XIX Premio Castelao de banda deseñada

Sandra Lodi e Laura Suárez. (Foto: Deputación da Coruña)

O xurado destacou das obras gañadoras o seu acabado “profesional” e “solvente”.

Laura Suárez (Dumbría, comarca de Fisterra, 1994), co álbum A raíña cádaver, na categoría para público infantil e xuvenil, e Sandra Lodi (Lugo, 1994), coa obra Adelina, en categoría xeral, son as gañadoras do XIX Premio Castelao de banda deseñada, convocado pola Deputación da Coruña e ao que se presentaron 18 orixinais nesta edición.

A deputada de Cultura, Natividade González, presidiu o xurado formado polas e polos debuxantes e ilustradores Paula Mayor e Cristian F. Caruncho, gañadores do certame en 2023, Quico Pèrez, Paula Chesire e Xulia Vicente.

De A raíña cadáver o xurado puxo en valor "o acabado completamente profesional cun estilo propio moi persoal, e o dominio das formas e da cor". Tamén salientou "a gráfica moi adecuada para a historia que propón, de influencia medieval".

Establecida en Cee (comarca de Fisterra), Laura Suárez estudou Belas Artes na Universidad Politécnica de Valencia e expuxo as súas ilustracións en Barcelona e México. Xunto a editorial londiniense Flying Eye Books creou e ilustrou a súa primeira serie de cómic infantil, titulada Monster Support Group.

De Adelina o comité avaliador valorou "o acabado solvente da obra cunha gráfica moi expresiva e recursos desenfadados que aborda o tema da vellez con frescura, humor, crítica social, moita acción e diversión".

Sandra Lodi, estabelecida en Santiago de Compostela, é licenciada en Belas Artes pola Universidade de Salamanca na especialidade de pintura, época na que tamén tivo a oportunidade de coñecer o método de produción creativa da Accademia di Bele Arti di Brera (Milán). Traballou como directora de arte e deseñadora gráfica durante anos, realizando traballos para todo tipo de marcas internacionais. Actualmente publica as súas ilustracións na revista satírica Mongolia e en El Estafador, ademais de colaborar con distintas publicacións como ilustradora de prensa.

No ano 2019 recibiu o 20º Premio Curuxa de Humor gráfico, en 2021 foi seleccionada na XIII Bienal de Pintura Eixo Atlántico, en 2022 levou o 10 Premio no Combate Mural do Culturbán, en Lugo, e en 2023 conseguiu o 10º Premio de Pintura Rápida do Festival de Cans.

As gañadoras verán publicadas en 2025 as obras que presentaron ao certame e recibirán cada unha premio en metálico de 6.500 euros.