MÁIS

Lecer para o verán coa cultura presente: nove xogos de mesa imperdíbeis

Ozocogz, Buscalume, Mentis Games e Brazolinda presentan os xogos de mesa deste verán. (Foto: Nós Diario)
Nós Diario presenta nove xogos de mesa e tamén de cartas con selo "Feito na Galia", perfectos para desfrutar das tardes e noites da tempada estival. Lecer para todos os gustos, xa sexa en familia ou coas amizades, pero sempre en galego e relacionados coa lingua e cultura da Galiza.

As noites e tardes do verán son o momento perfecto para xuntarse arredor dunha mesa e compartir unha xornada de xogos de cartas e fichas, xa sexa en familia ou coas amizades. A Galiza posúe grandes deseñadoras e deseñadores de enredos que apostan ademais por espallar a cultura e lingua da Galiza a través das súas creacións. 

Nós Diario conversa en exclusiva con catro empresas do mundo do deseño galego con interesantes propostas de lecer coas que desfrutar do verán. Unha industria, por desgraza, con moitas dificultades e que loita por saír adiante nun mundo cada día máis centrado no pasatempo empregando só o dixital e esquecendo todo o que implique un taboleiro de xogo. Estas deseñadoras e deseñadores apostan por crear produtos enfocados no mercado galego e utilizando en todo momento elementos da nosa cultura popular, lendas e feitos da historia propia do país.

Nove xogos de mesa indicados para diferentes franxas de idade, pero todos eles levando a cultura, a lingua e a historia da Galiza como selo distintivo

Marcas con selo galego

Eladino Cabanelas é o creador detrás de Ozocogz, unha empresa erixida en 2012 que tenta achegar propostas orixinais, prácticas e da Galiza na loxa en liña, e, desde hai uns anos, tamén de forma física na súa tenda do Carballiño (comarca homónima). As súas especialidades son os brinquedos, camisolas e os xogos de mesa. Cabanelas preséntanos dous en especial, Vacaloura e Galiza no tempo.

O primeiro deles ten como propósito mellorar os nosos coñecementos sobre a lingua galega e poden xogar tanto galegofalantes como estudantes autodidactas do idioma ou neofalantes. Está tamén indicado para crianzas maiores de nove anos mediante a adaptación das preguntas. O xogo pretende axudar coa eliminación dos castelanismos, un dos maiores problemas da lingua. Inclúe 500 tarxetas con máis de 200 preguntas sobre morfoloxía, léxico, toponimia, hiperenxebrismos, etc. O propósito do xogo é ser a primeira en chegar ao centro do taboleiro respondendo correctamente as preguntas.

Pola súa parte, Galiza no tempo é un xogo de cartas para coñecer en profundidade a historia do país dunha forma didáctica e divertida. Consiste en situar por quendas as cartas seguindo unha orde cronolóxica correcta con respecto ás que xa estean colocadas na mesa. O obxectivo é ser a primeira en rematar as cartas. Fermosas ilustracións e a explicación dos feitos ocupan o anverso, mentres que no reverso aparece a data do acontecemento para logo comprobar se a colocación foi correcta. Un xogo perfecto para pór a proba os nosos coñecementos sobre feitos da historia que infortunadamente non se adoitan ensinar nos centros de ensino.

María Eiriz e Germán Ricoy son os creadores de Buscalume, unha pequena editorial de xogos de mesa creada en 2021. Dedícanse ao deseño de xogos, ademais de axudar a novos creadores no proceso de facer tanxíbeis as súas ideas. Navia é a súa última creación. Trátase dunha carreira dos clans do bosque a través do río e está indicada para crianzas a partir de oito anos. Consta de partidas curtas, arredor de 20 minutos, sobre un taboleiro modular que se irá descubrindo segundo se vaia disipando a "néboa". Cada participante representará un clan (raposos, londras, ourizos ou teixugos) e tentarán ser os primeiros en alcanzar o final do río. Un xogo aditivo e cargado de humor indicado para o divertimento en familia.

Mentis Games ten dous grandes creadores detrás, José María Picón e Fernando M. Cimadevila. O seu obxectivo é facer realidade todas aquelas historias que antes de 2014 só existían nas súas cabezas. Ophiusa: A terra dos mil ríos foi o seu primeiro proxecto en saír á luz. Un xogo de cartas sobre feitos políticos, sociais ou culturais acontecidos na Galiza desde o ano 410 até a actualidade. As catro xogadoras ou xogadores deberán reunir seis cartas que representen feitos acontecidos da súa correspondente división da Galiza: A Coruña, Lugo, Ourense ou Pontevedra. Gaña o primeiro en lograr este obxectivo. 

Un ano despois do éxito do seu primeiro xogo, chegou a todos os fogares O gran Magosto. As participantes deberán valerse das habilidades das súas personaxes preferidas para apañar a maior cantidade posíbel de castañas e conseguir o título de Mestra Apañadora ou Mestre Apañador. 

Na actualidade, Jose María e Fernando están a desenvolver Irmandinhos, un xogo que naceu aló polo 2018 e que moi pronto chegará ao público para poder desfrutar dun pasatempo que ten por elemento central as Revoltas Irmandiñas.

As crianzas como protagonistas

Irimia Fernández é a creadora detrás de Brazolinda, un proxecto de deseño e fabricación de xogos de mesa en galego indicados para o lecer de toda a familia, pero céntrase en especial na cativada e no desenvolvemento das súas capacidades de observación, comunicación e razoamento. Irimia preséntanos catro propostas perfectas para entreter as crianzas ao mesmo tempo que aprenden. 

O Gatipedro é a primeira delas. Un xogo de cartas sobre axilidade mental e velocidade, características clave para desfacerse do mazo o antes posíbel. Para gañar a partida, hai que ir botando as cartas unhas enriba das outras relacionando en todo momento entre si as lendas de oito seres mitolóxicos da Galiza. 

De maxia tamén vai A Noite do Meigallo. Pode ser un dos primeiros xogos didácticos cos que enreden as crianzas, xa que está indicado a partir de tres anos. Consiste en ir resolvendo adiviñas ao longo dun taboleiro para así obter  como recompensa os ingredientes necesarios para a elaboración de feitizos que farán do noso mundo un espazo mellor. A Noite do Meigallo traballa o razoamento e a reflexión, ademais de fomentar a curiosidade en idades temperás. 

Se o anterior permite o desenvolvemento cognitivo, A Veiga é perfecto para a mellora da psicomotricidade da cativada a partir tamén dos tres anos. Un xogo colectivo, no que calquera persoa da familia pode axudar a regar, sementar e apañar os produtos dunha horta colectiva antes de que os animais estraguen a colleita ou o río fique sen auga. O cultivo desta veiga colectiva tamén axudará na aprendizaxe da toma de decisións e na planificación dos actos.

A última recomendación de Brazolinda é Sálvora, que nos permite coñecer en profundidade un feito fatídico da historia da Galiza: o afundimento no ano 1921 do vapor Santa Isabel nas augas perto de Sálvora (O Barbanza), naufraxio que levou por diante a vida de máis de 200 persoas. O xogo traballa a estratexia e o razoamento en partidas nas que as persoas xogadoras tomarán a figura das heroínas da catástrofe para salvar o máximo número posíbel de afogados.