Lembran nun libro a pegada de Luisa Villalta en Santiago

Presentación do libro 'Andei por Santiago, pisando estrelas' de Luísa Villalta no Museo do Pobo Galego. (Foto Nós Diario).
O Concello e o Consorcio de Santiago homenaxean á poeta cunha edición especial titulada 'Andei por Santiago, pisando estrelas'.

O Museo do Pobo Galego acolleu esta terza feira a presentación do libro Andei por Santiago, pisando estrelas (Consorcio de Santiago e Teófilo Edicións, 2024)  continuando coas homenaxes do Día das Letras Galegas deste ano, dedicado á escritora e poeta coruñesa Luísa Villalta

Andei por Santiago/pisando estrelas é un poema que pertence ao poemario Música reservada (Ediciós do Castro, 1991) no que Luísa Villalta deixa entrever a influencia que, como violinista, a música exerceu na súa obra literaria. O título destes versos é o que dá nome a esta publicación que contén unha escolma de fotografías da cidade compostelá -na que a autora homenaxeada estudou e formou parte da súa vida cultural, musical e activismo social- acompañan aos versos do citado poema. 

En palabras da alcaldesa de Santiago e presidenta do Consorcio, Goretti Sanmartín, este poema contén a "voz poética" de Luisa Villalta e lembra "as súas noites santiaguesas". Ademais, a rexedora salientou que "como a historia da cidade, o poema tráenos ao presente para falar da amizade das rúas, dos espazos que falan e da chegada da alba", amais de mencionar lugares emblemáticos de Compostela como a praza da Quintana, Hortas, Casas Reais, rúa Nova, rúa do Vilar, praza do Toural ou a praza de Praterías. 

Sanmartín, ademais, recordou que esta publicación que agora presentaron quere "promover que o público compostelán se achegue a quen de maneira tan delicada e sublime falou de nós, de Compostela, da Galiza, da súa identidade e do seu futuro". Neste sentido, a alcaldesa sinalou que "Luísa amou o concello que agora lle dedica esta humilde mais sentida homenaxe".

A iniciativa súmase ás que realizou o consistorio este mesmo mes para homenaxear á poeta.  Entre elas figurou a lectura dunha declaración institucional, aprobada por unanimidade polo Pleno do Concello de Santiago, o pasado 16 de maio na praza do Obradoiro. 

O paso por Compostela

Luisa Villalta tivo unha relación especial con Santiago. Nesta cidade licenciouse en Filoloxía Hispánica e Galego-Portuguesa en 1982 e tamén nela gañou un certame literario convocado pola Universidade de Santiago (USC). Poucos anos despois, en 1985, pasou a formar parte da Orquestra de Santiago.