MÁIS

Lendas de punta a punta

San Andrés de Teixido. (Foto: Turismo da Galiza)

Aproveitando a gran cantidade de templos presentes no territorio, empregamos as lendas para compor un itinerario de sur a norte por algúns dos santuarios máis relevantes do país, desde O Corpiño (Deza) a Viveiro (Mariña). Cada un deles está vestido de lendas e de costumes propios, dentro de paraxes impresionantes e de profunda espiritualidade. 

Santuarios nos que cumprir os desexos e atallar os males

O Camiño de Santiago é, tal vez, o símbolo máis icónico da espiritualidade en Galiza segundo a tradición cristiá, mais non o único, pois a mística das romaxes e pequenos santuarios é tamén moi relevante nestas terras. Neste contexto, son unha alternativa ao Camiño de Santiago, tanto para persoas fieis como simplemente "devotas" das lendas.

A mística da Galiza: antes e despois do Camiño

A espiritualidade galega non estivo sempre ligada ao cristianismo. Viña de antes, en concreto de tempos celtas, nos que xa se practicaban formas de cultos, moi vinculada á natureza e que tiña en espazos como o Monte do Gozo (Santiago de Compostela) un lugar referencial. Con todo, o cristianismo implicou a veneración de múltiples santos e a peregrinación a lugares sagrados. Acudir a estes espazos ten outra lectura máis alá da fe. Observar as paraxes desde o mito era e é unha forma de conectar as persoas co seu pasado e coa súa terra cuns ollos distintos e evadidos do real que fixeron da lenda e da mística inspiración desde Rosalía de Castro a Álvaro Cunqueiro, que viron nelas unha forma de valorizar ese pasado escuro e iluminado á luz do mito. Por esta razón, abrir a mente e afastar os prexuízos son claves para deixarse envolver da cultura mística dos santuarios.

1. Lalín de milagres, aparicións e ermitáns

Un dos epicentros é o  Santuario do Corpiño, en Lalín (Deza), un dos templos de peregrinación máis antigos de Galiza e que, segundo a lenda, ten poderes curativos (motivo polo cal atrae milleiros de devotos que buscan alivio para os seus males). Ten un relato particularmente curioso, coñecido como o das aparicións, historia que dá orixe ao santuario e debulla as habilidades da virxe do Corpiño. O relato fundacional do santuario di que no lugar onde está situado o edificio a día de hoxe habitaba hai séculos un ermitán moi devoto da virxe que estendeu a fe pola zona a modo de santo. Ao morrer a virxe do Corpiño premiouno mantendo o seu corpo incorrupto ante a sorpresa da veciñanza, que entendeu o xesto como sinal para edificar un templo na súa honra. Desde ese momento, o lugar sempre estivo tinguido de misticismo, con supostas aparicións da chamada virxe milagreira do Corpiño, que cada vez que aparecía curaba a quen se achegase ao Corpiño. 

2. San Xoán no Grove: auga e crianzas

Outro templo destacado é a ermida da Lanzada, na península do Grove (O Salnés), coñecida pola súa lenda da fertilidade. Dise que as mulleres que desexan quedar embarazadas deben bañarse na praia da Lanzada, debaixo da ermida na noite de San Xoán ou no último sábado de agosto, deixando pasar nove ondas. Pola contra, se o que se quere é desfacerse dun mal de ollo hase de varrer a ermida por detrás do retablo e por diante do altar, trazando un camiño arredor da bóveda.

Da fertilidade á cura de enfermidades, son moitas as lendas que envolven coñecidos templos ao longo da xeografía galega

3. De barcas de pedra e amor eterno en Muxía

Seguindo pola liña de costa, chégase ao santuario da Virxe da Barca, en Muxía (comarca de Fisterra), un dos enclaves máis icónicos da Costa da Morte. Aquí o mito pretende explicar a presenza de elementos xeográficos. O relato sinala que son os restos do barco de pedra empregado para que a virxe atracase na costa de Muxía e puidese consolar o apóstolo Santiago, quen se atopaba desanimado tras ser rexeitado polos habitantes da cidade de Duio, que rendían culto ao Sol. A raíz deste acontecemento, desenvolveuse unha rica tradición lendaria arredor das rochas, a máis famosa delas é a da Pedra de Abalar, que só se move ou "abala" cando é tocada por persoas libres de pecado ou para avisar de malos presaxios. Aínda así tamén son interesantes as historias detrás da Pedra dos Cadrís, que se asocia con propiedades curativas para quen pase nove veces por debaixo dela.

4. De naufraxios, xeonllos e candeas en Chamorro

Outra parada do traxecto conduce até o alto cume onde se atopa a ermida de Chamorro, en Ferrol (Ferrolterra). O nome popular do santuario vén das súplicas mariñeiras á virxe que, ante o perigo de naufraxio, “Xa morro!, Xa morro!", esperando salvación. Envolvidos por esta fe, é costume na romaxe de Chamorro subir a costa -nalgunhas ocasións, axeonllados- e pór unha candea no pequeno edificio relixioso.

5. Sobre reencarnados e migas de pan en Teixido

Outro lugar senlleiro é Santo André de Teixido, perto de Cedeira (Ferrolterra) un lugar de peregrinación localizado nun lugar remoto da serra da Capelada que o illamento e a tradición transformaron nun punto de referencia espiritual.

Segundo relata a lenda, o Apóstolo Andrés chegou a este recuncho por mar, e a súa barca petrificouse ao chocar contra os acantilados da costa Ártabra, quedando a súa quilla visíbel como unha rocha inmersa no océano. 

O relato relixioso engade que, para compensar a Andrés por estabelecerse nun lugar tan afastado, prometéuselle que todas as persoas terían que peregrinar a este santuario, e que aquelas que non o fixesen en vida volverían reencarnadas en animais. Asemade, neste punto existe unha forma de comprobar se os desexos se van cumprir, pois segundo a lenda, a auga brota desde debaixo do altar maior do santuario cara á fonte dos tres canos, na que é costume botar unha miga de pan no regato que sae da fonte. Se frota, o desexo será concedido, se afunde, hai que volver para tentalo de novo.

6. San Bartolo de todos os afogamentos 

Xa na vila de Barreiros (A Mariña) está a ermida de San Bartolo. Conta o mito que o patrón de Barreiros, Bartolo, socorreu un neno que fora arrastrado pola corrente do río Masma e que levou a salvo até o templo. Por mor deste milagre, atribúenselle ao Bartolo de Barreiros poderes protectores relacionados cos afogamentos e cos perigos da auga, que fan que cada 24 de agosto, os fieis acudan en romaría á ermida para agradecerlle a súa protección. 

Independentemente de que parte da Galiza sexa a persoa visitante, sempre hai un santuario próximo a ela, con lendas a dispor e paisaxes únicas nas que recrearse no mito e no seu sentido.