MÁIS

A Limia non cae no esquecemento

Castrexos e romanos loitarán este domingo polo dominio da Civitas Limicorum. (Foto: Noelia Caseiro)
Xinzo de Limia celebra a "fin de semana máis grande do verán" na vila coa Festa do Esquecemento. Encetou onte a súa vixésima cuarta edición, que se alongará até mañá. Os romanos loitarán polo dominio das terras da Limia na beira do río Lethes, pertencentes ás poboacións castrexas.

Explican os libros de historia que o cónsul Décimo Xuño Bruto chegou coas súas tropas romanas ás terras da Limia no século II da pasada era. E, mesturando feitos e mitoloxía, atoparon un gran río que os separaba da súa conquista, as poboacións castrexas desta zona da Gallaecia, coñecidas tamén como Límicas. Esta masa de auga era o río Lethes, ou río do esquecemento, un dos cinco que percorren o Inframundo.

Os soldados negáronse a cruzalo posto que calquera que se atrevese a facelo esquecería todo por completo. IX Xuño Bruto non estaba disposto a que a Gallaecia ficara sen conquistar e cruzou as augas. Desde a outra beira do río, chamou un a un os seus soldados para que pasaran, amosando que non perdera ningún ápice da súa memoria. As tropas esqueceron os contos de meigas, mollaron os pés e preparáronse para vencer aos límicos.

A partir desta historia e grazas ao amor da veciñanza limián ás súas raíces naceu en 2001 a Festa do Esquecemento, que recrea durante esta fin semana en Xinzo de Limia (A Limia) estes feitos históricos. "Un grupo de limiáns descubriu esta parte de historia da vila e, tras coñecer outro tipo de recreacións, pensou que sería unha boa idea para promover a nosa historia e cultura común", declara Marcos Argibay, presidente da Asociación Cultural Civitas Limicorum, a Nós Diario.

O labor máis representativo desta asociación sen ánimo de lucro é organizar edición tras edición a Festa do Esquecemento, mais tamén realizan outras tarefas, como celebrar anualmente os Premios Bispo Idacio, o Samaín da vila ou a conservación de publicacións editadas e promovidas pola Civitas Limicorum. A Festa do Esquecemento leva anos tentando conseguir o recoñecemento de Festa de Interese Turístico da Galiza e desde a asociación afirman que é cuestión de tempo.

Os poboados castrexos loitarán contra a conquista romana nunha fin de semana chea de música, ruadas e recreacións históricas na beira do Lethes

Arriba os límicos

A festa comezou onte ás 18 horas coa inauguración do mercado, zona infantil e o campamento, no que a veciñanza limiá leva máis dunha semana traballando. É o espazo no que se atopan as instalacións romanas e castrexas, feitas cada ano polas persoas participantes no Esquecemento. "A Civitas Limicorum é unha das asociacións máis grandes da contorna, contando con máis de 500 asociados", narra Argibay. Así e todo, na festa participan arredor de 750 persoas que fan vida no campamento durante a fin de semana: asociadas, non asociadas, grupos musicais e convidadas doutras festas históricas que recrean o pasado romano-castrexo, como son as Forzas de Choque Romanas Extraordinarii desde Cartago Nova (Cartaxena). Tamén se espera a chegada de tropas desde Asturica Augusta (Asturias) e Lucus Augusti (Lugo). 

Pola noite, tivo lugar o Desfile Inaugural, que este ano trouxo como novidade o emprego de fachos. Participaron os pobos castrexos e as lexións romanas lucindo galas e enchendo a vila de troula. Rematou na praza Carlos Casares, co prendido do Lume Sagrado e a música de Cidade de Antioquía e Grimorium.

Diferentes ruadas, animacións, espectáculos e desfiles poboarán diferentes zonas da Limia, como a praza Maior, o parque do Toural ou as rúas da zona antiga. O quinteto de música tradicional Lirolaio e o grupo Turdión serán algúns dos encargados do toque musical durante todas as xornadas. O grupo cangués de rock galego Astarot tamén visitará as e os límicos, aproveitando tamén para celebrar o seu 40 aniversario. Esta tarde, terán lugar no campamento os Grandes Xogos Olímpicos, nos que grupos de romanos e castrexos competirán para amosar quen son os donos da Limia. A partir das 21 horas celebraranse as Vodas Romanas, espectáculo a cargo dos membros da Civitas Limicorum. 

Con todo, o día grande do Esquecemento é o domingo. As marchas romanas encetarán o seu camiño coa charanga Achicoria, servindo de preaviso para a Gran Loita Final. IX Xuño Bruto encabezará o cruce do río Lethes para acabar con Beltain, xefe dos límicos, e os seus bravos poboados. 

A representación teatral rematará con só un dos bandos como vencedor e xefe da Limia. O Desfile da Victoria amosará gañadores e vencidos pola noite, seguido co posterior apagado do Lume Sagrado e a entrega de galardóns aos creadores das mellores casetas castrexas e romanas. Nesta edición hai máis de 40 grupos participantes no campamento do Esquecemento.

Homenaxe á veciñanza e os Premios Bispo Idacio

Xinzo de Limia non esquece a quen fai da vila e da comarca un referente cultural, apostando sempre polo seu crecemento. É por iso que na programación do Esquecemento contémplanse diferentes actos na memoria e honra da veciñanza limiá. Un deles é a entrega dos premios Bispo Idacio, á 13.30 de hoxe, que galardoa as persoas da vila implicadas activamente na Civitas Limicorum e o Esquecemento. Á mesma hora de mañá terá lugar a homenaxe a Merce Barba, integrante da lexión cartaxinesa e da AC Civitas Limicorum, da que foi presidenta, finada hai uns anos.

Nesta edición recuperouse ademais o Forum Limicorum, actividade propia das primeiras edicións da festa. A actividade tivo lugar o pasado 10 de agosto e nela inaugurouse a escultura na honra de IX Xuño Bruto na beira do Limia, xunto coa presentación do vídeo promocional da Festa do Esquecemento, o podcast Galiportus e o libro Celtas, Castrexos e Romanos, de Francisco Gónzalez.

A vila dos límicos

Se se nomea Xinzo de Limia, posibelmente sexa polo seu Entroido de máis dun mes de duración e o seu traxe, a Pantalla. Mais, a Festa do Esquecemento ten sen dúbida un lugar especial no corazón de toda a veciñanza limiá, implicada desde sempre en facer desta recreación histórica un referente para Galiza. "O Esquecemento é a máxima representación da unidade e convivencia, porque é o que se vive na construción do campamento, a preparación de todo o evento durante meses e nos tres días de festa. Son momentos nos que toda a vila goza, amosando unha felicidade contaxiosa e extrema", declara Argibay a este xornal. É, sen dúbida, como o conta o presidente da Civitas Limicorum. Nestes tres días, Xinzo viaxa no tempo, pero a ledicia e ganas de festexar das súas rúas é a propia da veciñanza durante todo o ano.