O noveno ciclo Di(n)versos comeza hoxe con Mário Herrero e Hu Xudong

A lingua portuguesa como ponte entre a poesía galega e chinesa

O poeta Mário J. Herrero. Foto: cedida

Os fíos que unen dous universos poéticos singulares poden non resultar obvios. É o caso dos mundos do chinés Hu Xudong (Chongqing, 1974) e Mário J. Herrero (A Coruña, 1968), que abrirán esta tarde a novena edición do ciclo Poetas Di(n)versos na Coruña. A lingua portuguesa é o factor común.
 

Profesor de Cultura Brasileira na Universidade de Pequín, Hu Xudong forma entre as voces "máis relevantes e anovadoras da lírica chinesa actual", segundo a organización das sesións. Herrero traballa como tradutor profesional, é membro da Academia Galega da Língua Portuguesa e a súa poesía de fondo urbano e contención formal está escrita con ortografía lusa.

 

"Sempre procuramos que haxa un pano de fondo compartido entre as participantes", explica Yolanda Castaño, tamén poeta e directora de Poetas Di(n)versos, "aínda que de maneira moi aberta e elástica". No primeiro dos encontros do noveno curso consecutivo do programa existen outros elementos que achegan aos escritores, engade: "Ecos tanto urbanos como carnais".

 

Os recitais de Di(n)versos son ás oito e media do serán no auditorio do Centro Ágora da Coruña. "O público coruñés é moi agarimoso e moi curioso", sinala Castaño, "e responde moi ben á iniciativa. De feito, esa é unha das razóns da continuidade do ciclo". Máis dun cento de persoas adoitan asistir ás lecturas, a única programación en todo o Estado que conta, de xeito regular, coa presenza de autoras internacionais.

 

O segundo dos actos será o 20 de novembro e reunirá, nun diálogo que Yolanda Castaño non dubida en cualificar de "histórico", Xosé Luís Méndez Ferrín (Ourense, 1938) e o chileno Raúl Zurita (Santiago de Chile, 1950). "A militancia literaria e o compromiso a través da poesía" servirá neste caso de nexo. O 11 de decembro, María Xosé Queizán (Vigo, 1939) e a libanesa Joumana Haddad (Beirut, 1970) amosarán a súa obra atravesada pola cultura emancipadora do feminismo.

 

"Lembro cando era adolescente e [o poeta] Xavier Seoane organizaba recitais na Coruña. Trouxera a Mario Benedetti e a Ernesto Cardenal. Para min foi inesquecíbel. Quero que Di(n)versos tamén o sexa", fai memoria Castaño. Unha hora e media de "palabra en estado puro", poemas na voz dos seus autores, "sen sobreestímulos de tipo ningún", e na que a literatura galega senta de igual a igual con outras literaturas do mundo, definen o proxecto, premio da Crítica á mellor iniciativa cultural en 2014.

 

O "memorábel" día en que Manuel Álvarez Torneiro (A Coruña, 1932) e o sirio Adonis (Al Qassabin, 1930) deixaron pequeno o salón do Ágora ocupa lugar preferente nos recordos da directora do ciclo. O falecido Mark Strand (Summerside, Canadá, 1931 - Nova York, 2014) compartiu escenario con Cesáreo Sánchez Iglesias (O Irixo, 1951), a canadiana Erín Moure (Calgary, 1955) con María Reimóndez (Lugo, 1975) e o polaco Adam Zagajewsky (Lwów, 1945) con Salvador García-Bodaño (Vigo, 1935).

 

Máis de 70 poetas pasaron por Poetas Di(n)versos, organizado pola Concellaría de Cultura da Coruña.