Localizan un santuario rupestre cunha inscrición á deusa Diana na ribeira do Ulla

(Imaxe: A Rula)

O colectivo A Rula publicou un sorprendente achado arqueolóxico: unha inscrición dedicada á deusa romana Diana no medio dun complexo de arte rupestre chamado A Quenlla dos Carballos, nun outeiro sobre o río Ulla, en San Xurxo de Vea (A Estrada).

O achado produciuse, relata Cultura Galega, durante o "traballo de revisión que estamos a facer nos últimos meses dos xacementos rupestres da contorna inmediata da comarca de Santiago", sinalan no seu blog.

No caso desta estación de arte rupestre, estaba até o momento clasificada como unha estación de época "histórica" debido á existencia de motivos cruciformes. A visita da Rula evidenciou algo moito máis complexo. Xunto a eses cruciformes, os membros do colectivo localizaron varios paneis cos motivos tradicionais da arte prehistóricoa galega da Idade do Bronce e outras gravura máis excepcionais, como un barquiforme e unha inscrición votiva de época romana.

Os traballos realizados permitíronnos identificar un espazo sacro cun uso moi prolongado ao longo do tempo, comezando no período Calcolítico ou Bronce Inicial

"Nunha das pedras de xisto, figura unha inscrición que, traducida polo especialista Juan Manuel Abascal Palazón, di o seguinte: "Titus Aulius Arcisus realizou libremente esta dedicación para Diana como consecuencia dunha visión (un soño, algo revelado)".

O achado é moi importante porque existen moi poucas inscricións rupestres dedicadas aos deuses romanos no territorio galego actual. Esta inscrición engade, ademais, a relevancia de poder documentar a continuidade dun espazo de relevancia simbólica, vinculada ao río Ulla, desde a Idade do Bronce e a época romana ata momentos plenamente históricos.

Para o colectivo A Rula, a complexidade de imaxes representadas neste espazo dá conta da existencia dun "santuario rupestre" que ademais pode ter relación co Pico Sacro.