CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

Logan

Un fotograma do filme

LOGAN

(EUA 2017, 137 min.) 

Dirección: James Mangold

Guión: Scott Frank, Michael Green e James Mangold

Fotografía: John Mathieson

Música: Marco Beltrami

Elenco: Hugh Jackman, Patrick Stewart, Dafne Keen, Boyd Holbrook, Stephen Merchant, Richard E. Grant, Eriq La Salle, Elizabeth Rodriguez, Quincy Fouse

 

SINOPSE

Ano 2029. Lobeto coida dun malogrado Profesor Xavier namentres trata de pasar desapercibido entres os humanos nun tempo no que os mutantes son historia. A aparición dunha nena mutante con extraordinarios poderes é o alicerce para comezar unha nova misión.

 

CRÍTICA

 

Derradeira entrega da triloxía do mutante con esqueleto de adamantium nun intento, bastante logrado, de facer algo diferente dentro do xénero de superheroes. Logan/Lobeto está doente. Algo no seu interior falla e provoca que a súa capacidade de curación non sexa tan efectiva coma antes. Coida do, xa ancián, Profesor Xavier que permanece oculto nun silo afastado de todo por mor dos seus perigosos ataques senís que poñen en risco extremo a todo aquel que ande perto. Mala época para os mutantes. A maioría foron aniquilados pero a aparición dunha nena mutante, perseguida por un grupo de mercenarios, iniciará unha nova misión: protexela a toda costa, pois podería ser a única esperanza para que a súa raza prevaleza... Repite na dirección James Mangold, encargado tamén do segundo spin-off (Lobeto inmortal), e consegue mellorala de maneira notábel. Mangold trata de evitar caer en fórmulas trilladas. Acada tres cuartos de metraxe que revitalizan o xénero cun estilo, con entidade propia, que transita entre a estética do universo ideado por George Miller (Mad Max), o cinema fronteirizo ou o western crepuscular, con referencia incluída a Raíces profundas (1953, George Stevens). O leme do último cuarto semella manexado pola man da produtora para dar iso que se “supón que queren os fans”. Craso erro, coido, pois podería ser un filme memorábel, e só queda en bo... O conxunto destila un cheiro a despedida. Todo indica que Hugh Jackman sacará as gadoupas por derradeira vez. O mesmo para Patrick Stewart, o cal é unha verdadeira mágoa pois xa fixera seu o rol do Profesor Xavier. En Logan dá toda unha lección de como interpretar un superheroe senil aportando a xusta medida entre carga dramática e humor de xeriátrico. Paga a pena gastar a entrada só por ver Stewart actuar. Completan o elenco Boyd Holbrook (O meu nome é Harvey Milk), coma mercenario cun característico brazo mecánico; Richard E. Grant (Drácula de Bram Stoker) coma unha sorte de Dr. Mengele; o británico Stephen Merchant (Doulles un ano), coma o mutante albino Caliban; e a debutante Dafne Keen (vista na teleserie Refuxiados) que interpreta a nena que pon patas arriba todo o universo persoal de Logan/Lobeto. Dignas de mención son as violentas escenas de acción, a rentes do gore. O brutal comezo xa é toda unha declaración de intencións de que a cousa vai en serio e un aviso a navegantes de que haberá sangue, moito sangue. Cumpre salientar tamén a banda sonora de Marco Beltrami, así coma o setlist escollido, inda que é unha pena que non se escoite o bestial Hurt de Johnny Cash, que encaixaba coma unha luva no trailer. A fotografía de John Mathieson (indicado ao Oscar por Gladiator) suma nivel e calidade incuestionábel. Resumindo, Logan é un filme de superheroes atípico que supón un máis que digno peche para un superheroe tan carismático coma Lobeto. Iso si, faltoume aquilo de “Logan, quieto!”... pero esa é outra historia.