CRÍTICA DE ROCK E OUTRAS LERIAS

Loquillo: vento do leste

Volta un clásico do rock en español. Loquillo. E volta, en parte, a transitar o rego que o fixo máis recoñecíbel e musicalmente apetecíbel. Pasen e vexan o que opina do seu último traballo o noso crítico de cabeceira.

Hai xa uns anos que cada vez que chega ás miñas mans un disco de Loquillo teño unha gran incerteza encol do que pode conter. É certo que xa non é ese roqueiro que era demasiado rocker para os punks e demasiado punk para os rockers. Mesmo, tras os últimos concertos que vin del, chegueime a cuestionar o feito de se seguía sendo un roqueiro ou simplemente decidiu envellecer perdendo a voz, gañando quilos e baixando as revolucións das cancións.

Por outra banda, tamén é certo que unha persoa cando se xunta con malas compañías vai polo mal camiño e pode que fora o que lle pasou a Loquillo. O feito de que Jaime Stinus deixara a banda e se incorporara Mario Cobo, dos Nu Niles, así como que volvera a contar con Sabino Méndez e Carlos Segarra como compositores para este novo traballo fixo que lle dera unha nova oportunidade.

Salud y Rock and Roll”, corte de apertura do disco e primeiro single, xa amosa un Loquillo que volve a ser o que era. Un tema roqueiro con toques Tex-Mex, que por momentos lembran a Johnny Cash, avisan de que estamos ante unha nova etapa na súa carreira. E a boa sensación de escoita segue co segundo corte, “El Final de los días”, un slow rock ao máis puro estilo Loquillo dende o riff e con “A Tono Bravo”, que ten un grande recendo a “Feo, Fuerte y Formal” xa directamente fica confirmada a volta do Loquillo roqueiro que todos esperábamos.

Limusinas y Estrellas” é un tema moi cincuenteiro, cuns coros ao máis puro estilo Beach Boys e un ton vocal musitante e íntimo. Con “Rusty” baxa un pouco o nivel do disco. É un tema con moito protagonismo dos metais e que chega a facerse longo de máis. “El mundo que conocimos” é un canto desesperado ao proceso de idiotización e inculturalidade da sociedade, de como todo o avanzo que parecía que se construía nos 80 coa liberdade e a cultura desapareceu nun escuro furado.

Tras isto, chegamos á primeira cover do disco, “Viaje al Norte” , de Los Negativos. Un tema actualizado, pero non moito, conservando eses toques hippies sesenteiros da peza orixinal. Na gravación conta coa colaboración de Roberto Grima, guitarrista da banda. E mirando atrás, continúa o disco con “Las Ventajas de Perderte”, un vello tema que Loquillo compuxera para o que fora o seu primeiro disco en solitario alá polo 2008 e que nunca chegou a editar en estudio até hoxe, cousa que agradecemos que por fin fixera. Os violíns da Orquestra de Bratislava, chaman a atención en “Los Dioses Engañan”, o tema máis me sorprendeu agradablemente de todo o disco, quizás porque por un momento amosa a ese Loquillo máis duro e radical, e no que a combinación da voz desgarrada ocas guitarras acústicas funcionan perfectamente.

Viento del Este”, o tema que dá nome ao disco, é un tema clásico country de fácil escoita. Un tema moi festeiro, pero que non sorprende, xa que dá a sensación de telo escoitado anteriormente. Cambio radical no disco é “Me olvidé de vivir”, unha cover de “J'Ai Oublié De Vivre” grabado orixinalmente por Johnny Hallyday en 1977 e que popularizou Julio Iglesias en castelán. Un tema que descoloca e que non chega ao nivel da versión de Hallyday, pero que non deixará a ninguén indiferente.

Finaliza o disco coa balada “Acto de Fe”. Un tema demasiado longo que non é precisamente o mellor peche para o disco, podería ter rematado con “Viento del Este” e deixar como moito “Me olvidé de vivir” como bonus track.

Atopámonos ante un disco que ten máis cousas boas que malas e que é do mellor que fixo Loquillo nos últimos anos, aínda que non chega ao nivel dos seus traballos dos 80, mais parece que nesta nova etapa apunta na boa dirección, veremos que camiño decide tomar.

 

Listaxe de Temas

1. Salud y rock and roll

2. En el final de los día

3. A tono bravo

4. Limousinas y estrellas

5. Rusty

6. El mundo que conocimos

7. Viaje al norte

8. Las ventajas de perderte

9. Los dioses engañan

10. Viento del este

11. Me olvidé de vivir

12. Acto de fe

Loquillo nas redes

Web: www.loquillo.com

Facebook: https://www.facebook.com/Loquillo-56228397738

Twitter: @loquillooficial