Volve o cinema vangardista coa Mostra de Cinema Periférico

Presentación do (S8)

Entramos xa de cheo na temporada de festivais de cinema. A próxima semana chega o Festival de Cans e a seguinte o interese vira cara o norte co S8, a Mostra de Cinema Periférico, que nesta súa oitava edición céntrase no xénero do 'found footage'. 

A Mostra, que leva como título “Obxectos e aparicións”, chega a seu oitavo aniversario cun programa que se desenvolverá do 31 de maio ao 4 de xuño e no que se exhibirán 150 filmes de máis de corenta países. O xénero cinematográfico de vangarda coñecido como 'found footage' (metraxe atopada) será un dos protagonistas da oitava edición da (S8) Mostra de Cinema Periférico, que vén de presentar a programación que desenvolverá do 31 de maio ao 4 de xuño na Coruña, co apoio do Concello da Coruña, da Deputación da Coruña e de AGADIC. 

O 'found footage', tamén chamado cinema de apropiación, centra gran parte da edición deste ano baixo o título de "Obxectos e Aparicións". Trátase dun proceso que ten as súas orixes no surrealismo e que se retroalimenta do propio cinema mediante a revisión e reciclaxe de imaxes xa filmadas, ás que se lles dá un novo significado durante a montaxe.

O festival dedícalle a sección Sinais ao cinema galego de vangarda, cunha sesión centrada na cineasta Diana Toucedo, unha videoinstalación de Xisela Franco, e varias curtas doutras e doutros realizadores

A mostra réndelle homenaxe ao artista multidisciplinar Joseph Cornell, considerado o pai deste xénero, cuxo traballo inspirou tamén o deseño do cartel desta oitava edición. Presentaranse, así mesmo, as obras de Céline Fontaine e Luther Price, dous dos representantes máis destacados deste xénero na actualidade, e o programa 'Found Sounds' arredor da creadora holandesa Barbara Meter, ademais dunha exposición e unha clase maxistral da artista visual María Cañas como paradigma desta disciplina no Estado español.

Cinema galego de vangarda

A representación galega na programación da (S8) volve ser importante, ao dedicarlle a súa sección Sinais ao cinema galego de vangarda. Dunha banda, cunha sesión dedicada á cineasta Diana Toucedo, e doutra, coa selección de Sinais en Curto, que este ano reúne traballos de Carla Andrade, Jaoine Camborda, Helena Girón, Marcos Flórez e Samuel Delgado, entre outros. Ademais, a creadora viguesa Xisela Franco exhibirá na Coruña 'Interior, exterior, durante', a súa máis recente videoinstalación.

Como en anos anteriores, a mostra arrancará co seu tradicional cine-concerto inaugural, que este ano ofreceralle ao público o clásico do cinema mudo 'Fausto', de Murnau, sonorizado en directo pola Orquestra Sinfónica de Galicia no seu 25º aniversario.

Estreas

Outros dos contidos destacados serán os programas dedicados a Aldo Tambellini, un dos pais da contracultura norteamericana dos anos sesenta, e á cineasta alemá Helga Fanderl. A (S8) acollerá, ademais, a estrea mundial do filme 'Potamkin', do canadiano Stephen Broomer, e presentará por vez primeira na Península os traballos de Steve Polta, cineasta de culto e director do festival Crossroads, da Cinemateca de San Francisco, que é a mostra internacional convidada deste ano.

A programación volve incluír a sección Desbordamentos, dedicada ao cinema en tempo real ou 'film performance', que nesta ocasión ofrece traballos asinados polo colectivo francés Nominoë, Sally Golding, Alberto Alcoz e Blanca Viñas, considerados indispensables neste ámbito.

Unha das novidades de 2017 é a posta en marcha dun programa de bolsas de creación internacional para cineastas do Estado, que se convocará a partir de setembro en colaboración co LIFT-Centro de Creación e Formación de Cine Independente de Toronto. Ademais, o festival publicará 8S8, un libro-dvd de edición limitada que recollerá textos e imaxes únicas de moitos dos grandes nomes que pasaron pola Mostra de Cinema Periférico desde os seus inicios.