Máis de medio milleiro de persoas participaron no III Convivio da Cultura Galega en Outeiro
Romaría, bon tempo e un encadre excepcional marcaron esta edición.
O III Convivio da Cultura Galega decorrido este sábado (8 de xullo) en Outeiro de Rei estivo máis focado á romaría que en pasadas edicións. Representantes do tecido asociativo e cultural do país encontráronse por terceira vez acarón da Casa das Hortas, sede da Fundación Manuel María, e na Carballeira de Santa Isabel para partillar unha xornada de econtro e convivio no que a festa e a música foron eixos centrais.
O bon tempo deuse a man cun encadre paisaxístico excepcional como a Carballeira de Santa Isabel (Outeiro de Rei) na que trasncorreron boa parte das actividades musicais da xornada. A máis "emocionante" en verbas do propio Ansede foi a interpretación por parte da Escola de música de Rianxo e o Coro do CEIP Ana Mª Diéguez da parroquia rianxeira de Asados, formado por alumnado de Primaria, de oito pezas musicais inspiradas noutros tantos poemas do libro de Manuel María Os soños na gaiola.
"Subiron ao escenario por volta dun cento de persoas, foi espectacular", asegura. A interpretación foi amplamente valorada polo público que se ergueu das cadeiras en diversas ocasións como recoñecemento, aliás, do "tremendo traballo" de preparación "durante todo o ano".
De cara ao vindeiro ano, Alberte Ansede, asegura que tentarán superarse a si propios embora "non é fácil" mais coidan que "a propia creatividade cultural" de base que se extende polo país poida ir dándolles pistas para a IV edición.