Mantar: The Spell
Mantar é un dúo alemán que foi quen de revolucionar o panorama do Sludge Metal, esa mistura do Doom co Punk, con cada un dos seus traballos a cada cal máis prometedor. The Spell chega neste 2017 como un dos traballos máis agardados do xénero.
Death by Burning sorprendeume no 2014 e Ode to the Flame deixoume incompleto no 2016. Agora en 2017 volvo ter esa mesma sensacion de falla de saciedade tras escoitar The Spell. Se os Lp xa me facían curtos, un EP pásaseme nun suspiro cando se saborea cada compás. Este é un traballo no que o primeiro que destaca é a portada, obra unha vez máis de Aaron Wiesenfeld, que nos deixa un inquietante retrato en branco e negro dun neno disfrazado de demo cunha profunda mirada perdida que parece chegado do Hades. Wiesenfeld foi tamén o responsábel da portada de Death by Burning.
Erinç Sakarya toma coa súa batería o control de Pest Crusade, dende o primeiro segundo que comeza a soar o disco. Cunha frenética e vibrante muralla de son, dan o aviso, batendo no peito do oínte, de que Mantar está de volta e fano cun tema no que os aires groove déixanse ver para acompañar a voz de Hanno Klänhardt, chegada do mesmo inferno.
The Spell e outro trallazo Sludge, case me atrevería dicir que é o mellor do disco. Conta coa colaboración do suízo Okoi Jones¸ da banda Bölzer, con que conseguen crear un dueto vocal que pasará á historia. Curiosamente, este foi un dos primeiros temas que gravara Mantar nunha maqueta alá polo 2013, é que soa coma o mais actual de todos, cunhas guitarras afiadas e violentas que non deixan indiferente ninguén.
The Spell é a continuación de Ode to the Flame, e unha reivindicación firme do Sludge como xénero que está cada vez máis vivo. Do mesmo xeito que me ocorreu co seu anterior traballo, fico con ganas de máis, como se de unha estraña adicción me posuíse cada vez que escoito un novo disco deste dúo xermano.
MANTAR NAS REDES
WEB: http://www.mantarband.com/
FACEBOOK: https://www.facebook.com/MantarBand
TWITTER: @mantarband
LISTAXE DE TEMAS
1.-Pest Crusade
2.-Age of the Vril
3.-The Spell