Manuel María centra os Actos da Cultura Chairega

Manuel María.

Coma todos os anos por estas datas, o Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración da Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo, organiza os Actos da Cultura Chairega, en Vilalba, en homenaxe a Manuel María, coincidindo neste 2024 co XX aniversario do falecemento do poeta e escritor galego.

A primeira xornada será este domingo, 8 de setembro e no espazo Manuel María. Ás 13:30 horas terá lugar unha ofrenda floral ao pé da escultura do poeta, así como un recital poético popular, aberto a toda a xente que queira participar con poesías, cancións ou calquera outro texto relacionado “co gran poeta chairego”.

O sábado día 14 de setembro terá lugar a segunda das xornadas. Será no Auditorio Municipal de Vilalba e consistirá nun concerto de Branca Villares. De formación musical maiormente autodidacta, a comezos dos 90 formou parte dos Colectivos Culturais María Castaña e Reviravolta de Lugo. Despois, durante case 10 anos en Liñaceira, referente para ela na experimentación vogal e nas percusións, traballando sempre coa música galega e portuguesa como base. Ao longo dos anos, foi percorrendo a montaña, e outras partes do país, aprendendo ritmos e melodías de man das mulleres e homes que de vello os interpretaron (informantes e grandes mestres), cunha especial querencia polas culturas raianas e a vertente sociocultural e lúdica da música. Fixo parte de Eudemónicas e imparte aulas de Canto tradicional e Pandeira, pandeiro e pandeireta, así coma de iniciación musical para alumnado novo en diferentes escolas municipais e colectivos culturais da provincia.

Manuel María é un dos meirandes escritores galegos da segunda metade do século XX. A cultura galega centra este 2024, con motivo do vinte aniversario da súa morte,  en homenaxear e reclamar a través de diferentes iniciativas a actualidade da súa obra literaria e do seu compromiso coa Galiza.