Manuel María continúa vivo 20 anos após a súa morte física

Manuel María e Saleta Goi en Grecia en 1984. (Foto: Fundación Manuel María).

O 8 de setembro de 2004 morría fisicamente o poeta Manuel María na cidade da Coruña. Transcorridos 20 anos daquela data a súa obra continúa viva e a súa figura esta presente na sociedade galega.

É unha referencia inescusábel da literatura galega na segunda metade do século XX. Narrador, dramaturgo e sobre todo poeta incorporouse a  república das nosas letras a finais dos anos 40, dando en 1950 ao prelo o seu primeiro volume, Muiñeiro de Brétemas, coa que se inaugura a denominada Escola de Tebra.

Foron moitos libros, durante cinco décadas e en diversos rexistros para conformar unha obra completa e redonda. Desde a poesía existencialista de Morrendo a cada intre, pasando pola lírica paisaxística de Terra Chá, até chegar ás composicións patrióticas e de loita de Poemas para construír unha patria ou as temáticas máis intimas, co amor a Saleta sempre presente.

Destaca como un galego enteiro, sen concesións, un patriota de comezo a fin. Vinculado ao nacionalismo desde os primeiros anos 50, mantivo relacións fluídas cos círculos exiliados e emigrantes de Bos Aires organizados no Consello da Galiza, participou do Consello da Mocidade en 1963, integrouse na UPG após a súa fundación en 1964 e militou na AN-PG e no BNG.

Foi unha vida de entrega total a Galiza. Promovendo proxectos culturais como a editorial Xistral ou a casa discográfica Edigsa Xistral, colaborando de xeito desinteresado co tecido cultural galego, participando das loitas populares en defensa do país e asumindo as consecuencias do seu compromiso inquebrantábel como galego dunha peza.

A obra e a figura de Manuel María continúa viva na Galiza 20 anos da súa desaparición física. A este respecto, Alberte Ansede, presidente da fundación quer leva o nome do poeta, sinala a Nós Diario que "a obra literaria ten impacto na medida que lle é funcional a súa sociedade e a obra de Manuel María é útil a esa parte da sociedade galega que desexa un futuro para a lingua e para o país”.

Ansede  apunta que “Manuel María séguese lendo e a súa figura é lembrada porque é un exemplo para moitas persoas que partillan os valores de dignidade, da coherencia e de ética que el e Saleta representaron ao longo de toda a súa vida”. Precisamente, a súa compañeira da vida, Saleta Goi, faleceu o 10 de setembro de 2022, tamén, na cidade da Coruña.

Actos de lembranza

Unha mostra da forte presenza de Manuel María na Galiza de hoxe son os actos organizados esta semana para lembrar o seu pasamento. Así, este domingo a Irmandade Manuel María homenaxea ao poeta a partir das 18 horas no cemiterio de Outeiro de Rei (Terra Cha), coa entrega da navalla de Manuel María a activista cultural María Xosé Neira e ao musico Luís Fernández Guitián.    

Un acto semellante promove neste 8 de setembro o Instituto de Estudos Chairegos en Vilalba (Terra Cha). Na mesma liña, a Fundación Margarita Ledo Andión organiza a cuarta feira un acto en Castro de Rei, coa participación de Pilar García Negro, Marica Campo e Alberte Ansede.

O 18 de setembro o Teatro Rosalía de Castro da Coruña acolle o tradicional acto de homenaxe a Manuel María organizado pola súa fundación baixo a denominación  Lúas de Outono, que nesta edición conta cunha actuación musical dos Carunchos e unha recitado de poemas de Eva Veiga.