Manuel Rivas, o deseño galego e os recunchos artísticos do Salnés, protagonistas do 'Sermos Galiza'

Detalles do 'Sermos Galiza' que se publicará este sábado, 28 de setembro.

Lembra que podes atopar o semanario 'Sermos Galiza' este sábado, 28 de setembro, acompañando o xornal 'Nós Diario' nos quiosques. 32 páxinas por só 3,20 euros!

Nós Diario regresa este sábado aos quiosques cunha nova entrega do semanario Sermos Galiza. Nas primeiras páxinas, Lucía Alcaina convídanos a percorrer unha mostra que a Fundación DIDAC de Santiago de Compostela acolle desde o pasado 10 de setembro e que se poderá visitar até o 31 de outubro. Galicia: procesos e formas. Un percorrido gráfico é o nome desta exposición que amosa unha escolma de traballos a modo de retrospectiva da historia do deseño gráfico galego desde o século XX até hoxe.

A escolla e montaxe, conta David Barro, xerente da DIDAC, parte de tres preguntas esenciais: "De onde vimos, quen somos e a onde imos". Da reflexión final xorde unha viaxe pola realidade do deseño galego recente, desde as vangardas aos traballos editoriais desde Arxentina, pasando polo grafismo das marcas de conservas, a revolución de Sargadelos, a contracultura dos anos 80, as artesanías renovadas ou exemplos de deseño sostíbel.

Contra o poder

Xan Carballa entrevista a Manuel Rivas. O escritor vén de presentar Tras do ceo, "a primeira peza dun magma narrativo no que leva ocupado os últimos anos", avanza Carballa. A conversa xira arredor dunha novela que Rivas asumiu traducir ao castelán, malia a "prevención" que sempre mantivo á hora de mudar o idioma da súa obra narrativa.

A importancia das palabras, a escrita, as relación de poder e dominio, o humor e a violencia fan parte dunha conversa que na que Manuel Rivas reflexiona sobre o horror ante a guerra actual. "Sempre houbo malos momentos pero agora en Gaza rebentou o corazón da humanidade".

A seguinte parada: O Salnés, unha comarca na que Montse Fajardo apunta cara a "estudios e talleres de artistas que son, en si mesmos, unha obra de arte". Hainos a moreas porque son moitos os e as artistas que debullan a súa creatividade nesa contorna, mais a proposta concreta que non achega o Sermos Galiza deste sábado obríganos a parar en tres espazos.

Así, teremos a sorte de entrar da man do pintor Uxío López no seu estudio, de coñecer o taller do escultor Manolo Chazo e tamén o lugar de traballo da artesá Mar Barral. Descubriremos os materias que elixen para as súas obras, a luz, as vistas coas que se poñen a crear cada día. Mais tamén os recunchos que gardan para expoñer, compartir ou almacenar as súas coleccións.

Libros e música

Tensi Xesteira e Inma Otero Varela propóñennos dúas lecturas de cara as vindeiras semanas. As mortes que amei (Galaxia), de Iria Collazo, é a proposta da primeira, un libro escrito na súa maior parte durante unha estadía da autora en Xeorxia, grazas a unha bolsa para unha residencia literaria. "Esta obra é unha road movie escacharrante, pero fermosamente realista, na que se conta a vellez dende un punto de vista activo", anima Xesteira ao público lector.

Pola súa parte, Otero Varela achéganos a unha das apostas de Saurobuks, "un deses proxectos editoriais pequenos que están a agromar á marxe das empresas máis coñecidas". A crítica escolle unha obra asinada por Amauta Castro con ilustracións de Pablo Orza. Árbores de inverno, di, é unha obra na que importa tanto a palabra como a imaxe".

Ademais, Olga Brañas preséntanos o último de Roberto Sobrado: Monstro delicado, un disco autoeditado que "combina pop-rock-blues de autor con poesía de autores galegos contemporáneos e con recitados orixinais seus: Rochi Nóvoa, Quico, Vítor Miñal e Poldo Canizo".

O jazz chega da man de David Regueiro, que dedica o seu espazo a homenaxear "un guitarrista moi querido e admirado pola comunidade internacional do jazz, cunha sesibilidade exquisita", Russell Malone, falecido o mes pasado aos 60 anos.

Cinema e máis

Blink Twice (Chisca dúas veces) é o título da película que nos propón Adrés Castro, un berro feminista en forma de thriller de terror dirixido por Zöe Kravitz, filla de Lisa Bonet e Lenny Kravitz. "O filme concibiuse como alusión directa a Jeffrey Epstein, e tamén a Bill Cosby, pero resulta abraiante o paralelismo repentino que ten co caso contra Dominique Pelicot".

Antes do feche, cunha nova entrega de pasantempos, Branca Novoneyra titula "Montale incandescente" a súa 'Palabra futura'. E de cara a fin de semana, un menú para despedir o verán con sabor a outono. Anxo Fole proponnos torta de mazá con queixo azul e noces, tacos de lacón con pico de galo e, de sobremesa, pudin de pan.

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza este sábado, 28 de setembro, acompañando o xornal Nós Diario por so 3,20 euros.