Nós Diario regresa este sábado aos quiosques cunha nova entrega do semanario Sermos Galiza. Nas primeiras páxinas, Lucía Alcaina convídanos a percorrer unha mostra que a Fundación DIDAC de Santiago de Compostela acolle desde o pasado 10 de setembro e que se poderá visitar até o 31 de outubro. Galicia: procesos e formas. Un percorrido gráfico é o nome desta exposición que amosa unha escolma de traballos a modo de retrospectiva da historia do deseño gráfico galego desde o século XX até hoxe.
A escolla e montaxe, conta David Barro, xerente da DIDAC, parte de tres preguntas esenciais: "De onde vimos, quen somos e a onde imos". Da reflexión final xorde unha viaxe pola realidade do deseño galego recente, desde as vangardas aos traballos editoriais desde Arxentina, pasando polo grafismo das marcas de conservas, a revolución de Sargadelos, a contracultura dos anos 80, as artesanías renovadas ou exemplos de deseño sostíbel.
Contra o poder
Xan Carballa entrevista a Manuel Rivas. O escritor vén de presentar Tras do ceo, "a primeira peza dun magma narrativo no que leva ocupado os últimos anos", avanza Carballa. A conversa xira arredor dunha novela que Rivas asumiu traducir ao castelán, malia a "prevención" que sempre mantivo á hora de mudar o idioma da súa obra narrativa.
A importancia das palabras, a escrita, as relación de poder e dominio, o humor e a violencia fan parte dunha conversa que na que Manuel Rivas reflexiona sobre o horror ante a guerra actual. "Sempre houbo malos momentos pero agora en Gaza rebentou o corazón da humanidade".
A seguinte parada: O Salnés, unha comarca na que Montse Fajardo apunta cara a "estudios e talleres de artistas que son, en si mesmos, unha obra de arte". Hainos a moreas porque son moitos os e as artistas que debullan a súa creatividade nesa contorna, mais a proposta concreta que non achega o Sermos Galiza deste sábado obríganos a parar en tres espazos.
Así, teremos a sorte de entrar da man do pintor Uxío López no seu estudio, de coñecer o taller do escultor Manolo Chazo e tamén o lugar de traballo da artesá Mar Barral. Descubriremos os materias que elixen para as súas obras, a luz, as vistas coas que se poñen a crear cada día. Mais tamén os recunchos que gardan para expoñer, compartir ou almacenar as súas coleccións.
Libros e música
Tensi Xesteira e Inma Otero Varela propóñennos dúas lecturas de cara as vindeiras semanas. As mortes que amei (Galaxia), de Iria Collazo, é a proposta da primeira, un libro escrito na súa maior parte durante unha estadía da autora en Xeorxia, grazas a unha bolsa para unha residencia literaria. "Esta obra é unha road movie escacharrante, pero fermosamente realista, na que se conta a vellez dende un punto de vista activo", anima Xesteira ao público lector.
Pola súa parte, Otero Varela achéganos a unha das apostas de Saurobuks, "un deses proxectos editoriais pequenos que están a agromar á marxe das empresas máis coñecidas". A crítica escolle unha obra asinada por Amauta Castro con ilustracións de Pablo Orza. Árbores de inverno, di, é unha obra na que importa tanto a palabra como a imaxe".
Ademais, Olga Brañas preséntanos o último de Roberto Sobrado: Monstro delicado, un disco autoeditado que "combina pop-rock-blues de autor con poesía de autores galegos contemporáneos e con recitados orixinais seus: Rochi Nóvoa, Quico, Vítor Miñal e Poldo Canizo".
O jazz chega da man de David Regueiro, que dedica o seu espazo a homenaxear "un guitarrista moi querido e admirado pola comunidade internacional do jazz, cunha sesibilidade exquisita", Russell Malone, falecido o mes pasado aos 60 anos.
Cinema e máis
Blink Twice (Chisca dúas veces) é o título da película que nos propón Adrés Castro, un berro feminista en forma de thriller de terror dirixido por Zöe Kravitz, filla de Lisa Bonet e Lenny Kravitz. "O filme concibiuse como alusión directa a Jeffrey Epstein, e tamén a Bill Cosby, pero resulta abraiante o paralelismo repentino que ten co caso contra Dominique Pelicot".
Antes do feche, cunha nova entrega de pasantempos, Branca Novoneyra titula "Montale incandescente" a súa 'Palabra futura'. E de cara a fin de semana, un menú para despedir o verán con sabor a outono. Anxo Fole proponnos torta de mazá con queixo azul e noces, tacos de lacón con pico de galo e, de sobremesa, pudin de pan.
*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza este sábado, 28 de setembro, acompañando o xornal Nós Diario por so 1,60 euros.