Margarita Ledo Andión impulsa un novo espazo para a cultura en Castro de Rei

A xornalista, directora e catedrática Margarita Ledo Andión (Foto: USC).
Onte inaugurouse en Castro de Rei a Casa da Galería, un espazo cultural impulsado pola Fundación Margarita Ledo Andión que busca difundir o legado da escritora e cineasta chairega desde un concepto da acción cultural vencellado ao territorio. 
 

Un novo espazo para a cultura e o pensamento: así se define a Casa da Galería, que baixo o lema "Cinema, cultura, comunicación" abriu onte as súas portas en Castro de Rei (A Terra Chá), coa presentación da antoloxía poética da escritora e cineasta chairega Margarita Ledo Andión, Prefiro condenarme (Chan da Pólvora) e unha mostra de debuxos de Luís Moscardó, Paisaxe interior [debuxos que escriben versos].

A Casa da Galería está impulsada pola Fundación Margarita Ledo Andión, que ten como obxecto, segundo marcan os seus estatutos, "a conservación, investigación e difusión da obra da investigadora, escritora e cineasta Margarita Ledo Andión, a promoción da cultura galega en xeral e do cinema e o audiovisual en lingua galega en particular, así como doutros bens de cultura e comunicación".

Porén, a definición legal non reflicte de maneira exacta a ambición do proxecto. "A idea orixinal sempre foi pór a disposición do público a documentación relacionada co meu traballo, vencellada, sobre todo, ao cinema e á comunicación", explica Ledo, en conversa con Nós Diario. "Mais tamén hai traballos da Produtora Nós, un pequeno fondo de pintura galega e audiovisual, xunto con fondos hemerográficos e bibliográficos que contextualizan o anterior".

Cultura e territorio

Á hora de escoller un lugar onde depositar todo ese acervo, a Fundación comprobou que nas cidades xa existían centros de estudo abondos para levar a cabo este tipo de tarefas e -en liña coa tendencia de pensar e pór en valor a cultura que se fai en todo o territorio, máis alá do que se xera nas cidades- decidiron que a casa familiar en Castro de Rei era un lugar idóneo para crear un espazo destas características e, ademais, traballar en proximidade para estabelecer un centro de creación e visibilización da cultura da Chaira. "Estamos falando dun lugar no que se está creando unha pequena rede de centros que pode contribuír a pór en valor a cultura tendo en conta o enraizamento coa terra: nun pequeno radio están o Museo do Castro de Viladonga, a Casa-Museo Manuel María, a Casa de Álvaro Cunqueiro... Créase un pequeno circuíto que contribúe revitalizar a vida cultural e social da rexión", sinala.

Nese compromiso coa cultura de proximidade, a Casa da Galería ten previsto, ademais, xerar actividades que afonden no coñecemento da Chaira, ir creando unha arqueoloxía da paisaxe que permita a identificación co territorio a medida que se vaia afondando no seu coñecemento.

"Se non coñeces ben todo o valor que pode chegar a ter a terra onde pos os pés, non es consciente das agresións que se exercen contra ela, das feridas constantes que está sufrindo agora mesmo; non te decatas das consecuencias que pode ter abrir unha estrada por determinadas paraxes ou os efectos que pode ter unha plantación de eucaliptos na percepción do teu espazo vital", engade Ledo. "Por iso queremos acompañar cada acto con actividades de contextualización que contribúan a relacionar cultura e paisaxe".

Dos notábeis a Manuel María

As próximas actividades discorren exactamente por ese camiño. Así, o 4 de setembro inaugurarase a exposición Os Notábeis. Á volta de personaxes dun Castro de Rei do século pasado, que, comisariada polo artista Bernardo Tejeda, recupera un proxecto no que confluíron os artistas Jorge Carla, Antonio Asensi e Israel Dawood en 2015: serigrafías sobre soporte téxtil. Un xogo que cuestionaba o concepto de autoría da peza de arte desembocou na aparición duns retratos estilizados tirados dun libro sobre unha historia de Castro de Rei, dando lugar a un grupo de pezas que constitúen o corpo da mostra. Unha sesión-debate coa artista plástica Luz Darriba analizará as obras desde a perspectiva de xénero.

E o día 11 de setembro decorrerá a proxección, por primeira vez en Castro de Rei, do documental Manuel María: eu son fala e terra desta miña terra, da propia Margarita Ledo Andión, seguida dun faladoiro -no que intervirán Marica Campo, María Pilar García Negro e Alberto Ansede, presidente da Fundación Manuel María- que lembrará os vinte anos do pasamento do poeta nacional.

Margarita Ledo, poeta

En todo caso, o protagonismo, onte, recaía na Margarita Ledo poeta, a que hai case 55 anos publicaba o seu primeiro libro, o sorprendente Parolar cun eu, cun intre, cun inseuto (Xistral), que inauguraba unha das poéticas máis singulares e atractivas das últimas décadas que agora se condensan no volume Prefiro condenarme, cuxo título coincide co do seu último filme.

"Tematicamente non teñen nada que ver, pero si que xorden da mesma pulsión interna", relata a escritora e cineasta. "É unha frase que lle escoitei á miña nai no contexto dunha discusión dura. Axiña me decatei que era unha frase de insumisión que se podía interpretar en sentido relixioso mais tamén persoal".

Ese sentimento de insumisión era importante na época en que Ledo comezou a escribir. "Se cadra ese foi o impulso que me levou a escribir, por exemplo, aquel primeiro libro en galego, malia non estar alfabetizada -como era norma naquela altura- na lingua propia. Eses primeiros poemas dan fe dunha vontade de cultivar un idioma ao que se lle negara a oficialidade, o dereito a existir. Todo iso queda reflectido na forma gráfica do poema, no galego que empregabamos neses tempos. E tamén pode ser que escribísemos poemas porque na poesía as trampas son máis sinxelas de ocultar", apunta entre risas.

Para o volume que agora aparece, a autora tamén recuperou moitos poemas aparecidos nos inicios da emblemática revista Dorna, na década de 1980, poemas escritos para recitais, para catálogos de exposicións ou para ocasións especiais... "Son poemas que me gustou moito escribir e que son de difícil acceso, polo que atoparon aquí o seu sitio dunha forma moi natural".

Pero ademais, Ledo incluíu varios poemas inéditos, que mostran ángulos da súa poética até o de agora máis difíciles de percibir, "moitos deles vinculados a Monforte de Lemos. Eran poemas escritos case en segredo que considerei que era hora de dar a coñecer", conclúe.