María Vázquez, Janet Novás e Álvaro Gago, candidatos nos Premios Goya

Fotograma de 'Matria', do director vigués Álvaro Gago. (Foto: Vinte Media)
A 38º edición dos Premios Goya deixa varios nomeados galegos, entre os que destaca María Vázquez, que optará a mellor actriz polo seu papel en Matria, unha película pola que o cineasta Álvaro Gago competirá en Mellor Dirección Novel. Pola súa parte, Janet Novás concorrerá a mellor actriz revelación por O corno.

A 38º edición dos Premios Goya deixa preto dunha decena de galegos que optan a galardón, entre os que destaca María Vázquez, que pode gañar a mellor actriz polo seu papel en Matria, unha película pola que tamén competirá, na categoría de Mellor Dirección Novel, o cineasta Álvaro Gago. 

María Vázquez atópase nomeada na categoría de mellor actriz xunto a Patricia López (20.000 especie de abejas), Malena Alterio (Que nadie duerma), Carolina Yuste (Saben aquell) e Laia Costa (Un amor). 

Pola súa parte, a actriz e bailarina Janet Novás concorrerá ao premio á Mellor Actriz Revelación polo filme O corno. Resulta moi rechamante que esta sexa o único nomeamento da cinta de Jaione Camborda despois de gañar a Cuncha de Ouro no Festival de San Sebastián. 

Ademais, a cinta O soño da sultana, coprodución con participación da galega Abano Producións, atópase na categoría de Mellor Película de Animación. A produtora de Chelo Loureiro tamén leva un nomeamento por To Bird or not to Bird á Mellor Curtametraxe de Animación. 

Así mesmo, o músico coruñés Xoel López podería ser galardoado na categoría de mellor canción pola súa peza "Eco", da película Amigos hasta la muerte

A directora viguesa Lorena Ares está nomeada a Mellor Película de Animación polo seu filme Hanna y los monstruos

A lista de representantes galegos nos Goya deste ano complétase con Curru Garabal, que é candidata á Mellor Dirección de Arte por Cerrar los ojos de Víctor Erice, así como Noé Montes -xunto a Sarai Rodríguez e Óscar do Monte-, en Mellor Maquillaxe e Perruquería, por Valle de Sombras de Salvador Calvo.