Maruja Mallo e os seus coetáneos, nunha expo en Lugo

Maruja Mallo

O vindeiro 8 de xuño inaugúrase no Museo Provincial de Lugo a principal mostra do Ano Maruja Mallo, con obras dela e doutros artistas do seu tempo. 

Do 8 de xuño ao 3 de setembro deste ano poderemos ver no Museo Provicial de Lugo 'Maruja Mallo. Vinte Almas', unha exposición que revisa a obra da artista a través de pezas que forman parte de coleccións galegas de artistas -ademais da propia Mallo- como Eugenio Granell, Luís Seoane, Pablo Picasso, Joan Miró ou Toyen, entre outros. 

 

A Deputación de Lugo concedeulle a Maruja unha bolsa que lle permitiría ir sería fundamental para o seu desenvolvemento creativo posterior. E agora, neste ano dedicado á súa figura, organiza esta mostra na que reivindican as súas orixes galegas: "En certo modo, Galiza sempre estivo presente nas súas obras: desde as Verbenas até as Máscaras pode percibirse a sombra do fogar. Precisamente por iso reúnense aquí tanto os traballos da artista como os dos seus amigos artistas e intelectuais máis próximos". 

 

Esa mostra acolle obras de artistas que foron clave na vida e na produción de Maruja Mallo (nada Ana María Gómez González, Viveiro 1902 - Madrid 1995), tales como Picasso ou Joán Miró, así como os seus compañeiros da Escola de Vallecas, como Benjamín Palencia ou Alberto Sánchez; até exiliados galegos como Luís Seoane ou Eugenio Granell. 

 

A mostra ficará aberta do 8 de xuño ao 3 de setembro

 

Inclúese tamén un retrato realizado, en 1941, por Vlady Serge de André Breton, este úlimo mercaría a súa grande obra 'Espantapeces '(1931). Por outra parte, inclúense pezas como 'Las dos hermanas' (1934), de José Caballero; 'Tête de Faune' (1962), de Pablo Picasso; 'Dos personajes' (1934), de Antonio Rodríguez Luna; outra sen título de Juan Ismael e a obra 'Composición', de Joan Miró.

 

A muller xoga un papel fundamental dentro do panorama artístico da vangarda relacionando a contribución plástica de Maruja Mallo coa doutra artista que nace ao igual que Mallo, no 1902, trátase de Toyen, que viven as transformacións do seu tempo, onde o contexto da arte está dominado maioritariamente por homes.

 

Eugenio Granell preséntase na mostra con pezas en homenaxe á propia Maruja Mallo: 'La sorpresa del trigo' (1945) e o bosquexo desta, así como outro material documental sobre esta peza. Trátase dunha achega complementaria onde Mallo serve como referente inspirador do feito creativo. A relación dos dous artistas trae consigo amosar a carpeta de litografías Mallo que a artista realiza en homenaxe á Revista de Occidente, en cuxos salóns realizara a súa primeira exposición no 1928 e que Granell adquire para formar parte da súa importante colección surrealista.

 

A mostra complétase coa achega de catro artistas contemporáneos, todos eles nados en Viveiro, ao igual que Maruja Mallo. Trátase dos proxectos de Montse Rego, Renata Otero, Félix Fernández e David Catá.