Materiais para pensar este tempo e este país
As turbulencias que axitan Galiza tamén teñen consecuencias editoriais. Nos últimos meses, un monllo de libros propoñen materiais para reflexionar sobre mudanzas, crises, feridas seculares ou ideas de futuro. Os temas abordados son diversos e as perspectivas, críticas. Eis un extracto do publicado no Sermos Galiza 306.
O colapso... é unha das últimas mostras do novo ensaio crítico que está a agromar na literatura galega. Así o considera o crítico Ramón Nicolás (Vigo, 1966): “Sempre defendín que o ensaio era un xénero necesario para a normalidade do sistema. Agora, efectivamente, hai unha promoción de xente nova, plural, que o practica”. De entrada, sinala os nomes de Brais Arribas (Huesca, 1980) –a súa última obra é unha defensa da eutanasia–, Afonso Becerra (Becerreá, 1973) –que vén de sacar un breviario sobre posdramaturxia– ou Marga Tojo (Compostela).
Esta última publicou recentemente Maternidade fóra de catálogo (Xerais, 2018), unha crónica autobiográfica descarnada con aires de denuncia política e ensaio sobre o urbanismo neoliberal e a crianza. A ollada feminista, no seu caso feminista contra o feminismo “branco e de clase media”, coincide coa doutras novidades editoriais. Por caso, Feminismos e literatura infantil e xuvenil en Galicia (Laiovento, 2018), de Montse Pena Presas (Sada, 1981). “Tiña inquedanza por saber se nos últimos anos, as narracións achegaban a posibilidade ás rapazas de deixar de ser ‘menores’ que os seus homólogos varóns”, explicaba no limiar dunha obra “que fala de libros para cambiar o mundo”.
[Podes ler a peza íntegra no número 306 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]