CRITICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

'Maxia ao luar'

Andrés Castro achéganos o último filme de Woody Allen. 

 

MAXIA AO LUAR
Título orixinal
: Magic in the Moonlight
Ano: 2014
Duración: 97 min.
Nacionalidade: estadounidense
Director: Woody Allen
Guión: Woody Allen
Fotografía: Darius Khondji
Elenco: Emma Stone, Colin Firth, Marcia Gay Harden, Eileen Atkins, Jacki Weaver, Simon McBurney, Hamish Linklater, Jeremy Shamos, Erica Leehrsen, Didier Muller, Catherine McCormack, Ute Lemper

SINOPSE
Stanley (Colin Firth) é un reputado mago inglés que recibe o encargo de desenmascarar a Sophie (Emma Stone), unha medium norteamericana que está causando furor pola Riviera francesa. Mais cando Sophie empeza a adiviñar feitos inexplicábeis da súa vida que ninguén coñece, empezará a mirala con outros ollos.

CRÍTICA
Fiel a súa cita anual, Woody Allen estrea película. Maxia ao Luar é unha comedia romántica que aborda os seus temas preferidos: a vida, a morte, o amor e a existencia de Deus. Ambienta a historia nos anos 20 e volve a filmar en Europa (e xa van unhas cantas), concretamente na Costa Azul. Un mago, cun escepticismo levado á máxima expresión, introdúcese de incógnito nunha sesión de espiritismo dunha adiñeirada familia norteamericana para tratar de desvelar os trucos dunha vidente con pinta de estafadora.

Pero curiosamente, lonxe de cachala nun renuncio, vai quedando alucinado das incribles visións que fai alarde e que ninguén debería saber salvo que tivera realmente un don especial. Comezará entón unha loita interna por seguir co seu inflexible pensamento racional ou comezar a crer en algo espiritual que non acha a entender de todo. 

Por suposto, outros sentimentos máis románticos aparecerán mentres tanto... Allen firma guión e repite de novo co iraní Darius Khondji, director de fotografía dos seus últimos filmes: A Roma con Amor, Midnight in Paris, Todo o demais. Non falta a música jazz, ingrediente básico nun filme alleniano,  charlestón, debido á época na que se desenrola, e tamén música clásica, tirando de Mozart, Stravinsky ou Beethoven para resaltar os momentos máis dramáticos. Aínda que ten diálogos brillantes, o guión non está entre o mellor de Allen. 

Está cheo de clixés e é bastante irregular. Pasa de comedia romántica a reflexión profunda sobre a existencia de Deus, aliñando con doses de teimosía, escepticismo e incluso cun toque Agatha Christie. Unha amalgama de temas e situacións nas que pasa de puntiñas pero sen concretar. Iso si, enxérgase a que Allen, como todo o mundo nun momento dado da súa vida, pregúntase realmente se hai algo máis tras a morte.

 O malo que ten competir consigo mesmo é tratar de superar, ou igualar, xoias coma Match Point, Blue Jasmine, Broadway Danny Rose, Zelig ou Annie Hall

E para iso proxecta as súas dúbidas no seu alter-ego Colin Firth (O Discurso do Rei), que se encarga de dar vida ao mago con aires de galán atormentado pola dicotomía cerebro-corazón que sementa no seu interior o sorriso da coqueta medium, interpretada por Emma Stone (Criadas e señoras), que vai pór patas arriba o seu, inquebrantable ata o momento, mundo racional. 

Dentro dos altibaixos que nos ten acostumados o director neoiorquino, Maxia ao Luar poderíase meter dentro dos momentos “baixos”. O malo que ten competir consigo mesmo é tratar de superar, ou igualar, xoias coma Match Point, Blue Jasmine, Broadway Danny Rose, Zelig ou Annie Hall, por citar algunhas… Non sempre é doado. Pero tamén é certo que os momentos “baixos” de Woody Allen poden dar mil voltas a moitos “altos” de calquera outro director en activo. 

Si, pódenselle achacar moitas cousas e incluso dicir que non está a altura da súa anterior filmografía, pero non se pode negar que o amor polo cine corre polas súas veas. E hai que recoñecer que, aínda que non figure entre o mellor de Allen, Maxia ao Luar ten cheiro a clásico e destila cine... moito cine.