Volven The Homens

Máxima enerxía pop en galego

The Homens (Cedida)
Declararon unha tregua en 2010, pero non foi defintiva. The Homens, trío de enerxéticas melodías e potentes guitarras e traballadas melodías, regresan aos escenarios e anuncian novas cancións. O pop en galego recupera unha das súas bandas fundamentais.  Eis un estrato da peza publicada no número 368 do semanario en papel Sermos Galiza.

Parecía mentira, pero antes de The Homens a fórmula pop, guitarras eléctricas, enerxía melódica, lírica airada e lingua galega era practicamente inédita. Houbo que agardar a inicios do século XXI para que tres músicos con base en Compostela a sintetizasen. Entre 2004 e 2010, dous EP, dous discos longos e ducias de concertos converteron The Homens en algo próximo a un fenómeno underground na Galiza. O 19 de outubro regresan aos escenarios no Grelo Folc de Monfero. O retorno, prometen, non vai ser flor dun día.

“Basicamente volvemos porque non atopamos razóns para non tocar xuntos de novo”, explica Roi Fernández a este semanario. Baixista, creou a banda canda Martiño Suárez –Martin Wu–, na guitarra e voz, e Xocas López na batería. Agora retoman as armas porque as condicións obxectivas o permiten. “Non puidemos facelo antes, máis alá dun concerto puntual [na Sala Capitol de Santiago en 2015] porque non viviamos na mesma cidade”, engade. O tempo pasou, si, pero as ansias de facer música e a amizade entre eles non os abandonaron. Fernández e Suárez mesmo mantiveron xuntos un proxecto punk acústico, Grampoder.

The Homens 2019 tocarán “oldies e temas míticos” en Monfero, cancións como Desaparece, Calamar ou Tigre, tigre! Porén, a súa reanudación de hostilidades inclúe novas composicións, “aínda embrionarias” pero que algún día estrearán en directo.

Harmonías e ritmos rápidos

O carácter pioneiro da súa proposta, power pop de marca new wave que foi adquirindo intensidade distorsionada, sempre en galego, sucedeu, para os seus membros, de maneira natural. E serviu de orientación a xeracións posteriores, dos últimos Familia Caamagno a Oh! Ayatollah, por caso. María Villamarín, voz e sintetizadores en Esposa, lémbrao: “En terceiro de carreira, sobre 2009, escoitaba en bucle Tres (2007) e Cuarta potencia (2009)”, relata a Sermos vía correo electrónico, “intentando harmonizar sobre a voz de Martin Wu”.

A Villamarín atraérona “os ritmos rápidos, que fose música bailábel, as harmonías de cancións poderosas e intensas”. Tanto que os propios Esposa chegaron a versionar en directo Desaparece, talvez o primeiro hit de The Homens ao nivel en que hai hits no mundo musical subterráneo, autoxestionado e ferozmente independente en  que se movían. “Foron se cadra un dos primeiros grupos de pop en galego que escoitamos”, reflexiona sobre a súa pegada en Esposa, “inspiráronos no persoal e no conxunto. Talvez se note nas nosas cancións máis rápidas. Malia que nós non soamos tan rockeiros!”.

O certo é que na década paréntese de The Homens, a música pop en galego ocupou terreos antes a monte. “A banda foi un espello en que se reflectiron moitas outras bandas que xurdiron despois. Marcou unha xeración”, considera Fernando Fernández Rego, crítico e autor da monumental Unha historia da música en Galicia. 1952‑2018 (2019), na que lles dedica un apartado.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 368 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]