Melania Cruz e Ánxel Fole, no Paseo do Cine de Lugo

Este domingo remata a Semana do Cine.
Melania Cruz, esta sexta feira. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Melania Cruz, esta sexta feira. (Foto: Nós Diario)

A 46 edición da Semana de Cine de Lugo chega esta fin de semana ao seu remate. Dende o pasado 23 de setembro foron nesta edición 147 as películas proxectadas no Vello Cárcere, os salóns de actos da Deputación e a Xunta ou a biblioteca.

Esta sexta feira a programación cinematográfica fixo unha homenaxe no Paseo do Cine á actriz lucense Melania Cruz e a Ánxel Fole, con sendas placas de recoñecemento. No acto interviron a propia Melania Cruz e o escritor e dramaturgo Claudio Rodríguez Fer. Melania Cruz,emocionada e arroupada pola súa familia, agradeceu a homenaxe por compartir o Paseo do Cine “con moitas persoalidades ás que admiro”.

Na Deputación de Lugo a actriz lucense recibiu, aos seus 41 anos, outra homenaxe por parte da organización do festival, o Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá. O director de cine Alfonso Zarauza, o coordenador da Semana de Cine Manuel Curiel e Xulio Xiz, presidente de Fonmiñá interviron no acto. Melania Cruz aproveitou o seu discurso para reivindicar o papel dos festivais de cine “a estas alturas, cando o streaming e as plataformas están copando todo” o mercado comercial do cinema.

Segundo dixo Cruz son precisos “espazos para ver o cinema en pantalla grande, co son axeitado e o ambiente para o que foron pensadas as películas”. A actriz lucense definiu o cinema coma “unha experiencia colectiva” que comprende o feito de sentarse nunha sala, compartir con xente que non coñeces e reflexionar “ao carón de xente á que non coñeces”. Criticou que “cada vez temos menos espazos comunitarios” e apostou polo cinema coma “unha experiencia colectiva onde compartir e debater”. O cinema, segundo dixo Melania Cruz “ten que ser un espello sobre o que reflexionar”.

Na súa homenaxe dentro da Semana de Cine de Lugo, Melania Cruz apelou tamén a “algo que me caracteriza, por herdanza familiar”, ao feito de que “sempre me posicionei políticamente, no sentido da ‘polis’, da comunidade, ser veciña, amiga e compañeira”.

Neste contexto aproveitou para lanzar aos presentes unha reflexión “para que nos preocupemos polos problemas dos outros” porque segundo afirmou “eu entendo a política coma eso, o social”.

Comentarios