Rock in Cambre, a achega de Fran Velo (Heredeiros da Cruz)

Menudo cambrazo!

heredeiros

Cando Heredeiros da Crus empezábamos no tan fermoso coma ingrato mundo do rock´n roll, alá polo ano 1992, non collía nas nosas cabezas nin por asomo que 26 anos despois íamos estar aínda dando “jerra” enriba dos escenarios. E por suposto, nin moito menos podíamos imaxinar que tocaríamos TRES VECES no incrible Rock In Cambre. Si,si… tres veces!!! Contamos o Brincadeira do 2012 como Rock in Cambre ou non? Claro que si!!! (espero que se rexenerara aquel campo. Mi madriña! Non traguei tanto po nin cando traballaba de axudante de topógrafo na vía rápida do Barbanza)

 

Recordo coma se fose hoxe a primeira vez que os Heredeiros pisamos o Rock in Cambre…. Boh! A quen quero enganar? Apenas lembro nada desa época, o cal quere dicir que o pasei realmente ben (Marqueime un Lenny Kilmister), pero ata hai un mes, conservaba a camisola desa edición do 97, esa que tiña unha aguia nas costas cos nomes dos grupos que actuaban. Lembrádela? Dígoo en serio! Saqueina do armario cando fixen limpeza no cambio de estación pero ata hai dous veráns aínda a levaba á praia. Ultimamente só a poñía para durmir e para facer limpeza no faiado. Agora mesmo esa camisola debe ser un trapo de cociña ou lévaa algún refuxiado sirio con orgullo... sabe “dios”! O caso é que grazas a esa camisola lembro que compartíramos cartel cuns vellos amigos; Siniestro Total (Fixádevos se foi tremendo aquel concerto que Julián Hernandez xa se quedou a vivir aí). Outra cousa que lembro, e isto non saía na camisola, é a Tonhito subido a unha árbore do parque onde tocamos. Si, xa sei, non ten nada de excepcional ver a Tonhito subido a unha árbore pero aquela debeu de ser das primeiras veces que o fixo durante un concerto. 

 

En calquera caso, tanto eu como os meus compañeiros estamos ansiosos por volver ao Rock in Cambre e é que aí sempre o pasamos ROCKERANAMENTE BEN. Non sei, debe ser polo propio nome do pobo que, cando menos na miña destartalada cabeza, sóame a descarga eléctrica: “Menudo CAMBRAZO levei!!!”. E como xa dixeron os grandísimos AC/DC: “High Voltage=Rock´n Roll”

 

Vémonos moi pronto amigos e amigas de Cambre ;) ;*.

 

Este texto publicouse no Caderno de Verán que vai co semanario Sermos galiza nº305 e que podes ler na nosa loxa.