Chelo Loureiro, produtora

“Migas de Pan é unha historia de mulleres represaliadas, das que case nunca se contan”

(Foto: Xoán Piñón)

Entrevistamos a produtora executiva do filme galego-uruguaio que vén de ser seleccionado para representar o país latinoamericano nos premios Oscar. Aténdenos Loureiro desde o Festival de Cine de Donostia para nos avanzar algunhas das chaves desta película que triunfa xa na carteleira uruguaia. Unha historia sobre o pasado e o presente, unha historia sobre a represión e a emigración, que reabriu feridas sen sandar en Uruguai.

- Como recibiu o equipo a noticia?

- Te podes imaxinar, con moitísima alegría. Estamos emocionadas, e máis tendo en conta que esta é unha película un 80% galega e un 20% uruguaia. Incluso, aínda que a directora Manane Rodríguez é uruguaia, leva 30 anos vivindo en Galiza. Esta película era para ela moi necesaria porque relata unha parte da súa historia, ten algo de autobiográfico. Un dos valores máis importantes para min da película é esa verdade que transcende en todo. 

- Unha historia de emigración e dun pasado de represión, que recorda a Galiza.

- Si, moita xente tivo que saír de Uruguai exiliada, como lle ocorreu á propia directora do filme. Ela estaba na universidade nese momento e todos os seus compañeiros estaban empezando a desaparecer. Tivo a sorte de que recibiu un aviso de que ían por ela e puido saír do país clandestinamente. Lamentablemente en Latinoamérica foi moi frecuente, nalgúns país segue a ser, a persecución política por pensar diferente, a tortura e case o exterminio. No caso da película é unha historia de mulleres represaliadas, das case nunca se contan. Unha historia de presidio que narra como sobreviviron grazas a solidariedade entre elas. No caso da protagonista, que ten un fillo que lle arrebataron, sofre aínda máis presión e chantaxe emocional.

A película está baseada en feitos reais porque, aínda que as historias son ficticias, conta o que realmente pasou.

- Parte da trama desenvólvese no país, que nos podes adiantar? 

- Galiza é o punto de destino onde a protagonista acode cando escapa moi nova. Aquí desenvolve a súa vida e o seu traballo ata que recibe a noticia de que vai ser avoa, entón decide volver o seu país. Ela ten xa unha vida, un compañeiro, pero cre que lle ten que contar a súa neta o que non lle permitiron contar o seu fillo. Que lle permitan ser avoa, porque non lle deixaron exercer de nai. Únese con outras ex presas e é cando deciden denunciar as violacións que sufriron. Por iso a película está baseada en feitos reais porque, aínda que as historias son ficticias, conta o que realmente pasou. Ou como nas rúas de Montevideo e outras cidades, as represaliadas tiñan que reencontrarse fronte a fronte cos seus torturadores.

- Que repercusión está a ter en Uruguai?

- Imos pola quinta semana en sala e seguimos crecendo. Desde a segunda semana xa é a película uruguaia máis vista do ano. É unha película que emociona, cóntannos como a xente aplaude o remate. Estamos recibindo cantidade de cartas, tanto de ex presas como de xente nova que descoñecía este pasado tan próximo, e que lles resultou clarificadora. En fin, a película está poñendo de novo este problema sobre a mesa.

Imos pola quinta semana en sala e desde a segunda xa é a película uruguaia máis vista do ano. É unha película que emociona.

- Faltaban películas sobre o tema? 

- As cousas que pechan en falso, nunca pechan. Aquí vivimos algo similar coa memoria histórica. Hai que abrir primeiro para logo pechar; como calquera ferida, primeiro hai que limpala ben se queres que de verdade cicatrice. Por iso está película tiña que facerse, e probablemente tiña que facerse agora, porque despois de 30 anos xa es capaz de poñerte diante dun papel a escribir. O tempo dá serenidade para non caer en erros. Non deixar demasiado tempo tampouco, pero era o momento.

- Como foi recibida polas propias vítimas?

- Algunhas nos recoñeceron que nunca falaran desa etapa e agora din: "vai a ver esta película porque me poderás entender". A nivel familiar houbo reconciliacións despois de vela. As familias puideron entender a moitas represaliadas que eran sinaladas como culpables, malia sufrir cárcere e tortura. Conseguir que produza este tipo de reaccións, moito máis alá que a pura emoción... 

- Que destacarías do filme?

- A interpretación, é unha película onde traballaron cen actores, máis de 300 persoas de figuración. Un rodaxe moi complexo. Sobre todo das actrices, posto que é unha película de mulleres. As protagonistas Cecilia Roth e Justina Bustos están inmensas, igual que as actrices uruguaias e galegas. Tan ben o fixeron todas que é unha das cousas que máis destaca a crítica. E a música, a música da tortura, esas cumbias que poñían. Hai un único tema musical que é Palabras para Julia, de Paco Ibañez, unha canción que se converteu nunha himno en tódalas cárceres de Latinoamérica, e que nos cedeu para a película. Unha achega fantástica.