CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

Migas de Pan

Escena de Migas de Pan (Foto: Xamalú Filmes)

MIGAS DE PAN

(Galiza, Uruguai 2016, 109 min.)

Dirección: Manane Rodríguez

Guión: Xavier Bermúdez e Manane Rodríguez

Fotografía: Diego Romero Suárez-Llanos

Música: Paco Ibáñez

Elenco: Justina Bustos, Cecilia Roth, Ernesto Chao, Quique Fernández, Artur Trillo, Ulises Di Roma, Laura de Benito, Sonia Méndez, Patxi Bisquert

SINOPSE

Tras anos de exilio, Liliana Pereira decide volver ao Uruguai para enfrontarse co pasado e iniciar unha denuncia colectiva contra os abusos sufridos durante a ditadura. Mais iniciar esta cruzada legal pode perigar a reconciliación co seu fillo.

CRÍTICA

Entre 1973 e 1985 tivo lugar unha ditadura en Uruguai coordinada polo servizo secreto norteamericano baixo o beneplácito do Secretario de Estado da era Nixon, Henry Kissinger. Un período bastante descoñecido fóra das súas fronteiras e acalado polo propio goberno uruguaio tras o remate para tratar de esquecer o tema a través de leis de amnistía, como a controvertida “Lei de Caducidade”. O filme uruguaio-galego Migas de pan aborda este período escuro a fin de recuperar a memoria colectiva dun país ferido polo pasado, a tempo que trata de facer unha homenaxe a un grupo de mulleres loitadoras que sufriron os abusos sistemáticos de criminais disfrazados de militares e que, lonxe de achantarse, a día de hoxe continúan na procura de xustiza. Unhas mulleres que inspiraron o guión do filme, un guión coescrito pola propia directora, e máis polo, tamén realizador, Xavier Bermúdez (León e Olvido), na súa quinta, xa, colaboración xuntos. A historia está narrada en dous tempos. No presente máis próximo, Liliana volve a Montevideo para asistir á voda do seu fillo, a pesar que este non sente demasiado apego por ela. Tras os pertinentes reencontros felices e nostalxias varias, un terríbel acontecemento faille rememorar tempos pasados non tan nostálxicos. Flash-back aos anos 70 onde unha xoven Liliana, xunto a un grupo de estudantes, se manifesta polas rúas contra da ditadura. Pronto os militares achan o local de reunións e poñen a todo o país na procura do “perigoso” grupo armado... armado con pancartas. A partires de aquí asistimos a unha incómoda sucesión de técnicas de terrorismo de estado nas que non falta o asasinato, o secuestro e os interrogatorios máis violentos.

As arxentinas Cecilia Roth (Martin Hache, Kamchatka) e Justina Bustos (da serie xuvenil Violetta) son as encargadas de dar vida á protagonista nestas dúas etapas; xunto coa presenza dun malo malísimo Quique Fernández (Un axuste de contas), son do máis destacado do reparto. Completan o elenco Ernesto Chao (María e os demais), Artur Trillo (Sicixia), Sonia Méndez (Terra de Miranda), Laura de Benito (Pazo de familia) ou Patxi Bisquert (Cela 211). A dirección “cámara en man” é totalmente efectiva no desasosego das escenas máis duras, mais non axuda demasiado no resto. Tamén se pode achacar algún que outro floco argumental solto e bótase en falta algo de xustiza poética e manter a dureza visceral na parte do penal de Punta Rieles a fin de non diluír a sensación de indignación que logra espertar nas secuencias previas. Mais, é de supoñer que, Manane apiádase do espectador tras zarandealo ben na butaca coa sucesión das máis terroríficas torturas ao nivel de O crime de Cuenca (1979, Pilar Miró), iso si, mantendo certo pudor para non danar sensibilidades, sobre todo as das mulleres ás que se está homenaxeando. Homenaxe en toda regra a unhas mulleres que, na vida real, están a piques de se enfrontar a un proceso xudicial longo e doloroso ao que, quizais, Migas de pan, consiga dar o empurrón definitivo para impulsar unha denuncia ninguneada pola propia sociedade, o goberno e a xustiza. E é que, ao igual que Frankenstein-04155 co accidente do Alvia, estamos ante un filme en “tempo real” que se retroalimenta e solapa cos acontecementos: as penurias destas mulleres inspiraron Migas de pan, e agora o filme pode facer de altofalante para axilizar que a xustiza, por fin, poda caer co todo o seu peso sobre aqueles que, por activa ou por pasiva, consentiron, colaboraron e consumaron a violación sistemática dos dereitos máis elementais do ser humano. O mundo merece coñecer os feitos e Migas de pan móstraos nunha historia de nostalxias quebradas, amizade eterna, redención da boa, reconciliación materno-filial e denuncia. Unha turbadora experiencia moral e emocional que chega a estremecer. Moi necesaria. Mágoa que a estrea de Rogue One a saque da carteleira...