As mil vidas da banda deseñada galega
A banda deseñada galega atravesa un vizoso intre creativo pero complexos problemas estruturais. As dificultades editoriais ou a falta de apoio institucional atópanse entre os máis citados. Porén, a aparición de autoras e autores non cesa. Eis un extracto da reportaxe publicada no número 310 de Sermos Galiza.
“A nivel institucional, apenas hai pequenas ínsulas. O Xuventude Crea, da Xunta, pero xa non é un formato útil, porque deixou de publicar os gañadores. O apoio do Concello da Coruña ao Viñetas desde o Atlántico, que é un milagre. E o premio Castelao da Deputación”. Quen traza este panorama é Kiko da Silva (Vigo, 1979), infatigábel activista, debuxante e profesor de cómic. De feito, ante as carencias institucionais, é dos que vai alén da protesta. En 2012 fundou a primeira escola profesional de banda deseñada de Galiza, O Garaxe Hermético -nome en homenaxe a Moebius-. E a súa última aventura nas publicacións períodicas, A viñeta de Schrödinger -editada pola Mesa pola Normalización Lingüística e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega- supón, arestora, a única revista especializada e profesional.
“Desde Golfiño, non había unha publicación dedicada á BD e que pagase as colaboracións”, indica, “hai quen pensa que o formato está morto e non ten sentido. Eu, porén, entendo que é importante para que se vaian forxando novas autoras e os lectores poidan descubrilas”. O formato da novela gráfica é agora dominante, pero esixe un nivel de control e dedicación que aos noveis, entende Da Silva, lles pode quedar lonxe. El mesmo traballa nunha, Baixo a sombra das pedras flotantes, desde hai sete anos. Fáltanlle 40 páxinas e publicarase en galego da man de Xerais e en castelán da man de Norma.
[Podes ler a reportaxe íntegra no número 310 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos os quiosques ]